Acompañado da súa familia e de moitos dos seus amigos e veciños, José Luis Gómez Victoria recollía a ninfa do Casino do Barco como “Barquense do Ano 2024” nesta noite na sede desta entidade. Un galardón que o responsables do club de baloncesto Muebles Victoria Barco recibía “pola súa longa traxectoria como cabeza visible e referente do baloncesto ao longo de máis de 40 anos. Polo seu bo facer, non só a nivel deportivo, senón pola boa persoa que é e polo ben que ten representado ao Barco de Valdeorras por todos os rincóns de Galicia, cidades e pobos, sendo un gran embaixador para a nosa vila”.
O acto era o limiar dunha cea, celebrada no segundo andar do Casino do Barco, que reunía a unhas 150 persoas. Entre elas, directivos da entidade, pero tamén o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o alcalde do Barco e o concelleiro de Deportes, Alfredo García e Aurentino Alonso, respectivamente, entre outras autoridades.
O presidente do Casino, Pablo Dobao, era o primeiro en tomar a palabra para comentar que “todos sabemos quen é Victoria, pero imos recordalo cunhas breves imaxes”, dando paso a un vídeo no que recibía as felicitacións de destacadas figuras do baloncesto, entre elas o adestrador barquense Lucas Mondelo. Despois proxectábase outro vídeo que repasaba a súa traxectoria vital, profesional e deportiva.
“Isto é unha pequena mostra do que foi a túa vida”, dicía tras rematar a proxección a secretaria do Casino do Barco, María José. “José Luis criches nos nenos e nenas de Valdeorras, o teu amor polo deporte e especialmente polo baloncesto levoute a dedicar unha gran parte do teu tempo, e sempre de forma xenerosa e altruísta a moitas xeracións de valdeorreses ás que lles ensinaches e ensinas a saber da importancia do traballo en equipo, do esforzo, do compañeirismo, da disciplina, do respecto, da importancia de aprender a ganar e a perder, a pedir a man, a dar a noraboa e a que prevalezca o nós sobre o eu”, engadía, resaltando a relevancia destes “valores de vida”.
Así mesmo afirmaba que “alégranos saber que despois de 40 anos aínda tes ilusión por seguir moitos máis e tamén que a túa paixón dedicación, amor polo deporte e por Valdeorras ten dignos sucesores nos teus fillos. Non queremos esquecernos de Almudena, a túa muller, foi o baloncesto o que vos uníu e ela sempre estivo aí apoiándote, animándote, aconsellándote…”. A secretaria do Casino concluía subliñando que “con tesón e esforzo conseguiches que os principais equipos da túa vida, o familiar, o dos amigos, o labor, o dos deportes estén todos marcados coa “V” de Victoria, a túa vida é unha vitoria”.
Deseguido, o presidente do Casino anunciaba a entrega do galardón cunha sorpresa. “Vai entregarche o galardón un tío de altura e que está á altura, Lucho Fernández, ex xogador de baloncesto, xogou nos tres grandes galegos no Ar Ferrol, no Breogán, no COB no Tau, ganou unha liga ACB, entre outros datos destacables do seu palmarés”. Así das súas mans, Victoria recollía a ninfa esculpida por Xelo de Tremiñá e símbolo do Casino barquense.
“De ben nacidos é ser agradecidos”, dicía Victoria nada máis recoller o premio, “quero agradecer a esta gran familia do casino do Barco pilotado por Pablo, por terse acordado da miña persoa para este estupendo evento, agradecer aos presentes a vosa compañía e compartir mesa comigo nun día tan especial para min, e tamén agradecer aos que por un e outro medio me expresaron a súa alegría e satisfacció por este galardón”. Un recoñecemento que adicaba á súa familia, “destacando a Almudena e aos meus fillos, Patricia e Josiño, por continuar por esta senda tan bonita”. Tamén compartía o premio cos seus amigos e acordábase “daqueles que xa non están, pero que nos están vixiando: Jesús Del Pont, José Luis Puentes Murias e, por suposto, Ricardo González Karin, o amigo dos amigos e defensor do Barco a ultranza”. Victoria remataba a súa intervención incidindo en que “defendín, defendo e defenderei sempre ao noso gran Barco de Valdeorras, que é o máis grande do mundo”.
Tras el interviña o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no que era o seu primeiro acto público en Valdeorras, quen louvaba “a iniciativa de homenaxear cada ano a unha persoa do Barco e darlle ese punto de honra que merece” e tiña palabras especiais para Victoria. “É unha marabilla aos que nos gusta o baloncesto e os deporte, ver como traballar cos rapaces, inculcándolle valores de esforzo, de compañeirismo, de sacrificio, iso ten moito valor e seguro que lle dedicaches moitas horas”. Pechaba o acto o alcalde do Barco felicitando a Victoria, poñendo en valor o seu labor e tamén destacando a actividade que desenvolve o Casino do Barco.
Despois dábase paso á cea, que estaba amenizada pola actuación do cantautor Sito.
Fotos: A.R.