EntrevistasÚltima hora

José Manuel Martín: “O labor dos grupos de nais e grupos de apoio á lactación é fundamental”

Este pediatra do Hospital de Pontevedra e membro do grupo de formación da IHAN era un dos docentes do curso de lactación materna para profesionais sanitarios impartido no Barco

Publicidade
José Manuel Martín, pediatra do Hospital de Pontevedra e un dos relatores do curso de lactación materna para pofesionais sanitarios celebrado no Barco./ Foto: A.R.

 

Os problemas da lactación materna nos primeiros días e en situacións especiais (bebés enfermos e prematuros), os signos dun aleitamento eficaz ou a interferencia de suplementos. Eran algunhas das cuestións que abordaba José Manuel Martín Morales, pediatra do Hospital de Pontevedra e membro do grupo de formación da iHan (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacimiento e a Lactancia), no curso “Lactación materna para profesionais sanitarios, teórico-práctico, nivel I”, que se impartía do 14 ao 16 de outubro no Barco.

Este relator destacaba a importancia de incidir neste tipo de formación e agradecía a De Nai a Nai  a iniciaiva de “poñer en marcha este curso, co apoio do Concello. Está amplamente recoñecido que o leite materno ten a súa función na saúde da muller e do bebé e debemos promocionala”. Así mesmo resaltaba a boa participación e implicación do alumnado.

¿Que valoración fai deste primeiro curso para sanitarios que se ten impartido no Barco?

Moi positiva, a participación dos alumnos foi estupenda, todos son profesionais sanitarios que viñeron a formarse en lactación materna e resultou moi satifactorio. Estes cursos son fundamentais para a formación profesional dos traballadores sanitarios, para que todos poidamos dicir máis ou menos o mesmo, e todo baseado en evidencia científica, para apoiar ás mulleres que decidiron alimentar aos seus fillos con leite materno, que é o mellor alimento co que podemos alimentar aos nosos nenos, non só para a saúde dos bebés, senón tamén para a saúde das súas nais. Está claro que a lactación materna mellora a saúde das mulleres a longo prazo e é importante desenvolver estes cursos para que todos vaiamos na mesma dirección.

¿É habitual que se organicen fóra dunha cidade?

Para min foi un privilexio vir ao Barco. Penso que esta formación pode facerse nun hospital comarcal como este ou para o persoal do hospital e de atención primaria desta zona porque é moi relevante. Tamén é certo que non resulta fácil realizar este tipo de curso, o apoio de De Nai a Nai e do Concello do Barco foi fundamental para desenvolvelo, e non sempre se pode facer. Teñense dado moitos cursos de lactación en Galicia xa fai anos, pero ultimamente co Covid non se teñen promovido iniciativas deste tipo, pero é importante que se fagan en todas as áreas sanitarias e en todos os hospitais ou en todas as zonas nas que hai persoal sanitario que atende a bebés e a nais.

Avanzouse na formación sanitaria en lactación materna, pero aínda queda camiño…

Levo vinte anos facendo formación en lactación e, evidentemente, cambiou a situación, melloramos; sen embargo, aínda falta que o conxunto do persoal sanitario saiba do tema e, sobre todo, saiba apoiar ás mulleres e non crear interferencias para que as nais poidan dar de mamar aos seus fillos, e aí é onde falla a cousa. Non sabemos ás veces como facer para que esa muller poida levar a cabo os seus desexos e como apoiala, como axudala, como quitar interferencias, iso é o que nos falta aínda por xeralizar en todo o persoal sanitario.

Se ben, como digo houbo melloras, aínda hai que pulir cuestións e logo tamén hai que mellorar tamén dende o punto de vista das infraestruturas e demais: as habitacións individuais, que os nenos estean acompañados dos seus pais en todo momento aínda que estean ingresados nas unidades neonatais, unidades de portas abertas de verdade, que realmente non teñan ningún horario… Ese conxunto de cuestións facilita que todo isto vaia adiante.

 

O doutor José Manuel Martín con outras dúas relatoras do curso, Lorena Prada e María Elisa Lamelas, no Barco./ Foto: A.R.

 

Fala de melloras en hospitais, pero igual tamén na atención primaria, que é a porta de entrada ao sistema sanitario, se debería seguir progresando no relativo á lactación materna.

A primaria é fundamental, evidentemente. É onde primeiro acode a muller xa antes de quedarse embarazada e onde se lle pode ir falando xa de cales son os seus desexos se un día ten fillos e de que o mellor é que os alimente con leite materna. Ademais se a muller ten algunha patoloxía, tipo enfermidade de Crohn, colite ulcerosa, etc. ou cancro de mama na familia, pois sabemos que a lactación materna pode xogar un papel importante na prevención desas enfermidades. E se queda embarzada, unha vez que ten o seu bebé, na maternidade vai estar dous ou tres días como moito, despois volve á primaria, onde a vai ver á matrona de primaria, á enfermeira de pediatría ou ao pediatra. En primaria teñen que seguir facendo un labor moi importante de apoio e de fomento da lactación, sen o cal vai ser imposible que se unha muller ten problemas, poida seguir adiante.

Algo moi importante que vimos no curso do Barco é a relevancia do apoio dos grupos de nais e grupos de apoio á lactación, o traballo que fan é fundamental. As mulleres, en moitos aspectos foron por diante dos profesionais sanitarios, e este é un claro exemplo. Por iso sería moi importante que todas as mulleres que sairan da maternidade o fixesen coa información de que nesta zona dispoñen dun grupo de apoio que lles pode axudar en caso de que teñan algún problema.

 ¿Como estamos en España con relación a otros países europeos no relativo á lactación materna?

Xa non nos levan tanta vantaxe como hai uns anos. Francia máis ou menos está á par que España, Italia por aí anda… A gran maioría dos países industrializados andamos todos polo mesmo nivel, pero si que é certo que os países nórdicos van por diante. Ademais teñen unhas melloras sociais respecto a nós e unhas baixas maternais máis grandes, con suspensións de traballo pero cun tanto por cento de soldo que lle permite á muller estar sen traballar pero cobrando un 20-30% do salario, e iso axuda moito á conciliación e a seguir co leite materno durante máis tempo. E logo as unidades neonatais nos países nórdicos tamén funcionan moi ben, dende hai moitos anos son unidades de portas abertas. Tamén é verdade que aquí cada día están funcionando mellor todas as unidades de neonatais da nosa comunidade.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button