A Ruta do Viño do Ribeiro vén de nomear á súa nova xunta directiva nas eleccións celebradas durante a asemblea xeral celebrada onte pola tarde no salón de plenos do Concello de Ribadavia. A única candidatura presentada para formar parte da xunta directiva está encabezada por Juan Manuel Casares Gándara como presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e que tamén o será da asociación Ruta do Viño do Ribeiro nos vindeiros anos.
A vicepresidencia recaerá no Concello de Boborás, a secretaría estará representada polo Concello de Ribadavia e a tesourería polo Concello de Leiro. Entre o resto de vogais conformadores da xunta directiva atópanse catro entes públicos máis e outros cinco privados, estes últimos representantes dos aloxamentos, adegas, colleiteiros, restaurantes e o sector do lecer.
“Esta nova xunta está xa traballando na creación dun completo programa de actividades de promoción para lograr un gran incremento de visitas á Ruta do Viño do Ribeiro durante todo o ano, logrando así desestacionalizar os momentos de consumo de turismo na zona”, declara o presidente recentemente reelixido, Juan M. Casares. “O gran obxectivo segue a ser o de promocionar o territorio histórico do Ribeiro como un destino turístico de calidade, desestacionalizado e sostible.”