Na vindeira semana levaranse a cabo traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas de titularidade autonómica na provincia de Ourense. En concreto, iniciaranse os traballos en estradas autonómicas das zonas de Baixa Limia, Trives, Valdeorras e Viana de Bolo, así como da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro. Ao tempo, continuarán os traballos xa iniciados nas vías autonómicas das zonas de Caldelas, Trives, Viana e na estrada OU-622, no Barco de Valdeorras, tal e como se vén de indicar dende a Xunta de Galicia.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para “previr lumes e reforzar a seguridade viaria”.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas. “As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil”, segundo Infraestruturas.