A RúaCarballedaConcellosO BarcoRubiáÚltima hora

Licítase a mellora do firme das estradas N-120 e N-536 en Valdeorras

Actuarase ao longo de máis de 60 km nos municipios de Rubiá, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín e A Rúa e investiranse 1,62 millóns de euros

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, vén de informar da publicación neste venres no Boletín Oficial do Estado (BOE) o anuncio de licitación das obras de rehabilitación do firme nas estradas N-120, entre os km 437,450 e 472,800, e na N-536, entre os km 32,300 e 59,200, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Para esta actuación destínase un orzamento total de 1.619.686,12 euros e conta cun prazo de execución de oito meses. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 17 de maio. O proxecto emprázase no termos municipais de Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa, actuando ao longo de máis de 60 km de ambas estradas.

As obras prevén a rehabilitación estrutural do firme nos tramos en peor estado, rehabilitación superficial na travesía de Vilamarín e as pontes de Muíño e a Liga, selado de gretas non estruturais, repintado das marcas viais e reposición de xuntas de dilatación e aforos de tráfico.

Emilio González explicou que, tanto esta actuación como as obras de rehabilitación do firme da Autovía das Rías Baixas A-52, entre os km 176,0 e 236,3, cuxa licitación foi publicada no BOE o pasado 8 de xaneiro cun orzamento de 5,99 millóns de euros, “permitirán mitigar o déficit de conservación que arrastra unha parte da rede viaria na provincia de Ourense, o que reflicte o compromiso do Goberno de España coa seguridade e a fiabilidade da rede, así como co patrimonio público común de todas as ourensás e os ourensáns”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno salientou que o programa de conservación e mantemento do Mitma, que xera un impulso significativo para mellorar a calidade de servizo da infraestrutura viaria estatal existente, mobilizou na provincia de Ourense máis de 33 millóns de euros dende xuño de 2018.

Artigos relacionados

Back to top button