EconomíaEconomíaÚltima hora

Liña de axudas no 2022 para fomentar a plantación de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais

Así o vén de anunciar o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, indicando que este investimento está previsto nos orzamentos do ano que vén

Souto de castiñeiros./ Foto: A.R.

 

Os orzamentos da Xunta do ano que vén contemplan unha nova liña de axudas que destinará 4,5 millóns de euros a fomentar as plantacións de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais. Así o destacou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que -acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- asistiu hoxe en Riós, onde tamén asegurou que esta localidade ourensá é unha das 45 seleccionadas en toda a comunidade para poñer en valor ata 2.000 hectáreas de soutos tradicionais deica o ano 2025, no marco do Plan Forestal de Galicia e da Lei de recuperación da terra agraria.

A maiores, o director xeral apuntou que a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” establece, no caso concreto do castiñeiro, a creación de novas superficies de soutos para a produción principal de castaña, dende as 3.500 ha no primeiro quinquenio ata un total de 8.000 hectáreas en 20 anos. Así mesmo, aposta por novas superficies de soutos para a produción principal de madeira: 2.000 ha ata o ano 2025 e 8.000 ha deica o horizonte do 2040. Mirando ao 2025, tamén se contempla ter elaborado ese ano o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.

Neste contexto, José Luis Chan afirmou que a Xunta seguirá apostando tamén pola Unidade Técnica do Souto, cuxas liñas prioritarias son o deseño, a planificación, a execución, o seguimento e o control de cara á xeración de planta adecuada para o desenvolvemento deste sector estratéxico. Nesa liña, quixo lembrar que o Goberno galego leva anos actuando contra as doenzas que afectan esta especie, para minimizar o seu impacto na produción de froito ou de madeira.

Artigos relacionados

Back to top button