EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Avances na investigación para a mellora xenética do castiñeiro galego, buscando materiais máis tolerantes a pragas

Será o tema da conferencia que impartirá o vindeiro luns a experta Beatriz Míguez nas xornadas Luis Asorey, promovidas pola Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo

Cedida.

 

O material vexetal na produción de castaña, en particular sobre a aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro, será o eixo da conferencia que impartirá o vindeiro luns, 20 de novembro, Beatriz Míguez Soto, bióloga do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural. Será no marco dasXXXIV Xornadas Luis Asorey, que se están a celebrar unha serie de conferencias gratuítas no salón de actos das XXXIV Xornadas Luis Asorey, que se están a celebrar na Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas.

Esta actividade divulgativa está promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, e nesta edición poñen o foco no mundo da castaña, sendo o seu título. Estas conferencias tamén poden seguirse a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

A ponente do vindeiro luns, Beatriz Míguez, destaca que o “Centro de Investigación Forestal de Lourizán dispón de importantes coleccións de xermoplasma de castiñeiro, froito de décadas de traballo de prospección, caracterización, selección e conservación de material. Nos últimos anos fíxose un grande esforzo en caracterizar material relevante na produción de castaña, co fin de mellorar a produtividade, a calidade do produto e a tolerancia a pragas e enfermidades”.

A investigadora indica que todas estas coleccións son fundamentais para o progreso do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro, xa que permitirán obter novos materiais máis resistentes a enfermidades e con mellor adaptación climática, ao tempo que aportarán un maior coñecemento das nosas variedades tradicionais para seguir achegando información relevante en relación ás recomendacións do seu uso.

 

A investigadora Beatriz Míguez Soto./ Cedida pola RAGC.

 

Beatriz Míguez explica que o Programa de Mellora Xenética Forestal do Castiñeiro para Galicia iniciouse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán no ano 2010, deseñándose distintos tipos de cruzamentos controlados. En 2015, ante a necesidade de obter novos portaenxertos híbridos resistentes á tinta e ademais cun maior rango de adaptación climática ao frío e á seca, deseñouse unha nova liña de cruzamentos controlados. Como resultado, obtivéronse máis de 200 xenotipos de diferentes familias. “A importancia deste material radica en que os clons obtidos son híbridos cun 75% de Castanea Sativa -variedade autóctona do castiñeiro europeo- e só un 25% de castiñeiro xaponés (Castanea Crenata), empregándose por primeira vez no cultivo da castaña en Galicia”, resalta.

Importantes avances na loita contra o cancro do castiñeiro

Por outra banda, no centro de Lourizán levouse a cabo un ensaio para determinar a tolerancia destes materiais á enfermidade do cancro, unha enfermidade fúnxica grave que afecta aos castiñeiros. “Aínda que non se detectaron resistencias, determináronse diferenzas significativas en canto á supervivencia e progresión do fungo entre os novos clons avaliados. Trátase dun resultado moi relevante, tendo en conta a expansión da enfermidade e a dificultade do seu control”, indica a investigadora.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán incorporou nos últimos tempos 23 variedades tradicionais de castaña no Rexistro de Variedades Comerciais.

Artigos relacionados

Back to top button