EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Lousa e viño únense para promocionar Valdeorras na Coruña

 

Dous dos principais sectores produtivos de Valdeorras, a lousa e o vitivinícola, uníanse esta mañá na Coruña para promocionar a comarca de Valdeorras a través dun Túnel do Viño no Hotel Finisterre. O Clúster da Pizarra de Galicia e a Ruta do Viño de Valdeorras xuntábanse nesta iniciativa, que esta dirixida polo recoñecido sumiller e experto en viticultura, Luis Paadín.

“Xunto ao sector do viño, o noso ámbito de actividade constitúe un dos piares máis relevantes da economía de Valdeorras. Por este motivo, desde o Clúster da Pizarra de Galicia apoiamos esta mañá a celebración dun túnel do viño na Coruña promovido pola Ruta do Viño de Valdeorras”, explican dende o clúster, lembrando que non é a primeira colaboración que existe entre ambas entidades, citando, entre outras, un “concurso de fotografía anual destinado a poñer en valor ambos os segmentos económicos de forma artística”.

Este túnel organizábase previamente á IX Festa do Botelo do Barco de Valdeorras na Coruña. Os asistentes puideron degustar diferentes referencias de brancos e tintos de 18 adegas da comarca. Neste espazo tamén se habilitou unha caseta no que se despregou material informativo sobre os activos turísticos da zona.

“Co respaldo a esta acción, o clúster quixo levar un pequeno anaco do interior de Ourense ata a fachada atlántica de Galicia. A intención da iniciativa é poñer en valor ambos os produtos -viño e lousa- como vertebradores da economía da comarca e catalizadores turísticos”, indican dende esta agrupación industrial.

Así o seu presidente, Víctor Cobo, matiza que, “se seguimos traballando de forma conxunta, creando sinerxías, conseguiremos atraer un maior número de visitantes á zona”.

Artigos relacionados

Back to top button