CulturaCulturaÚltima hora

Lugo inaugura a Capital da Cultura do Eixo Atlántico

A programación, que se estenderá ata novembro, inclúe máis de 30 eventos diferentes e un centenar de actividades en todas as disciplinas artísticas

 

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, acompañada do secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, inaugurou este xoves a Capital da Cultura 2023. No acto tamén estivo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outras autoridades como alcaldes e concelleiros de municipios de Galicia e Portugal, e centos de persoas, entre elas representantes de distintos colectivos culturais, sociais e veciños da cidade, que arrouparon o inicio desta gran cita transfronteiriza.

A mesma suporá a celebración en Lugo, ao longo de todo o ano, de máis de 30 programas diferentes e máis dun centenar de actividades referentes a moitas das disciplinas culturais e artísticas de Galicia e do norte de Portugal.

O lucense Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga foron os encargados de levantar o pano desta sétima edición da Capital da Cultura, que exemplarizaron cun concerto conxunto a enorme riqueza cultural galaico-lusa.

A rexedora de Lugo destacou a aposta do Concello “polas propostas culturais vinculadas ao noso pasado e a nosa tradición, ao mesmo tempo que impulsamos unha visión moderna de innovación e vangarda, destacando, así mesmo, o valor da cultura tamén como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local e a cohesión social, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”. “Por iso, estamos convencidos de que a industria cultural representa un sector estratéxico de dinamización económica e creación de emprego de Galicia, Portugal e, por suposto, de Lugo”, apuntou.

A alcaldesa finalizou a súa intervención convidando a todas as persoas que se acheguen a Lugo con motivo da Capital da Cultura a “coñecer máis a fondo a nosa cidade, na que contamos cunha ampla e variada oferta turística e con todos os recursos necesarios para cumprir coas expectativas dos visitantes máis esixentes”.

Pola súa banda, Vázquez Mao subliñou que “a Capital da Cultura é un dos programas máis queridos do Eixo Atlántico non so porque aposta polo desenvolvemento da industria cultural galaico-portuguesa senón porque pon en valor a inmensa riqueza que en este ámbito, a nivel de artistas e creadores, temos”. “Lugo elaborou un programa que é un excelente escaparate disto”, engadiu.

 

 

Lugo, Capital da Cultura 2023

Lugo estreouse este xoves como Capital da Cultura do Eixo Atlántico cunha ampla programación ata o mes de novembro. A cidade ofrecerá máis de 30 programas diferentes e máis dun centenar de actividades referentes a moitas das disciplinas culturais e artísticas de Galicia e do norte de Portugal.

A música, a gastronomía, a literatura, a danza, o teatro, o patrimonio, a arte urbana ou as tradicións galego-lusas serán algúns dos eixos da axenda prevista ata final de ano. A través da páxina https://www.lugocapitaldacultura.com/ as persoas interesadas poderán atopar información actualizada das actividades e eventos desta cita transfronteiriza.

Programación ampla e variada

A música será un dos piares da Capital da Cultura cunha extensa programación de concertos na Chanca, na contorna do río Rato, que se unirá á cita musical de referencia na cidade, o Caudal Fest, un festival xa consolidado a nivel nacional. Tamén haberá un concerto de Semana Santa a cargo da Orquestra Ars Combinatoria, acompañada por solistas galaico-portugueses/as.

A arte urbana tamén contará cun espazo importante nesta cita como unha das modalidades que está a ser protagonista na transformación das cidades. Exemplo disto é a Rúa do Esquecemento, convertida en icona, grazas aos murais elaborados nas fachadas dos seus edificios. Así, Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos como Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa ou Noemí Núñez, que intervirán en diferentes espazos da cidade con motivo desta cita. Así mesmo, organizarase o Festival Cores Atlánticas, que contará con zonas de pintado de graffitis, exhibicións de skate ou actuacións de DJs, entre outras actividades.

Por outra banda, as tradicións galegas e portuguesas estarán presentes en toda a programación a través de exposicións, conferencias e unha mostra de xogos populares de ambas as rexións. O pasado romano de Lugo tamén terá protagonismo na Capital da Cultura a través do Arde Lvcvs, e os costumes e artesanía lucense e portuguesa terán oco nas festas patronais da cidade, a través da feira Arte San Froilán.

Outras das disciplinas que incorpora a programación son: o cinema, a través dun ciclo de mulleres directoras, baixo o título “Unha mirada en feminino”; a maxia, co festival “A maxia do Eixo”; a moda, coa celebración da “Gala Lucus Moda Atlántica”; a pintura, a través dunha exposición de arte lusa; a danza, co Encontro de danza universitaria; ou o circo, a través de representacións nas rúas da cidade.

Artigos relacionados

Back to top button