O presidente dos populares ourensáns, Luis Menor, referíase esta tarde no Barco ao abandono das comunicacións por estrada e ferrocarril en Valdeorras, fronte a unha Europa que aposta pola mobilidade de persoas e mercadorías sen fronteiras. Luis Menor participaba nun encontro con alcaldes, portavoces, concelleiros e militantes do partido na comarca, nun acto de campaña organizado con motivo das Eleccións Europeas do próximo 9 de xuño, que se desenvolvía no Restaurante Fernando III da vila.
“Nunha Europa que aposta pola conexión dos territorios”, criticou, “resulta inadmisible que o Goberno de Sánchez demore ou paralice proxectos importantísimos de comunicacións para Valdeorras. Así denunciou o enorme retraso na execución das obras de circunvalación do Barco, que deberían estar rematadas en 2022 pero que hoxe nin chega á metade da súa execución”.
Seis anos despois da chegada de Sánchez á Moncloa, engadiu, “aínda non foi quen de licitar ningún dos tramos da autovía A-76, unha infraestrutura esencial para as comunicacións co interior de Galicia e para conectar as comarcas de Valdeorras e O Bierzo, afectando en xeral ás conexións entre Galicia e Castela e León”.

Ademais, advertía, os valdeorreses non poden seguir sufrindo o “tremendo deterioro da estrada N-120, cun trazado antigo, inseguro e absolutamente deficiente no seu mantemento”.
Lamentaba que Sánchez abandoara “á súa sorte aos habitantes da comarca de Valdeorras, tamén en infraestruturas y servizos ferroviarios, outro pesado lastre para a competitividade e progreso da comarca, illando aos propios ourensáns e turistas dunha zona de espectaculares paisaxes, de excelentes viños, dun patrimonio natural e histórico como poucos e dunha gastronomía de primeira”.
O acto abríao o voceiro municipal do PP no Barco, Antonio Melo, e despois tamén interviña Sandra Quintas, secretaria xeral do PP ourensán.
Fotos: O SIL.