ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Luis Menor: “O novo plan provincial de cooperación cos concellos vai destinar case 440.000 euros ao Barco”

Así o destacaba o presidente da Deputación de Ourense en Viloira, onde visitaba a avenida Elena Quiroga na que se vai desenvolver unha obra de pavimentación e renovación de infraestrutura financiada en parte por ese plan

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desprazábase esta mañá ata Valdeorras onde mantiña unha intensa axenda de reunións na sede deste organismo provincial na comarca, situada Casa Grande de Viloira (O Barco) que se completaba ás doce e media cunha visita á avenida Elena Quiroga, tamén en Viloira, onde está previsto que se desenvolva un proxecto de obras de pavimentación e renovación de infraestruturas apoiado economicamente pola Deputación.

Esta actuación consistirá nunha renovación das infraestruturas da marxe esquerda da avenida, tanto abastecemento como saneamento como soterrar a electricidade e telefonía. Ademais vanse pavimentar as beirarrúas en formigón, do mesmo xeito que están agora as da marxe dereita e pavimentar a calzada e facer unha nova beirarrúa que enlace coas que veñen pola marxe da nacional. “O que pretendemos con isto é finalizar xa toda a renovación das infraestruturas desta zona para darlle un servizo adecuados aos veciños”, tal e como explicaba a enxeñeira de camiños, Claudia Sánchez Lagarejo.

“Vimos poñer en valor unha moi boa nova como é a licitación dunha obra que é un exemplo de colaboración entre o Concello e a Deputación. É unha obra duns 160.000 euros de investimento, onde a Deputación aporta 100.000 euros e o Concello do Barco o resto”, indicaba o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen ademais poñía en valor a colaboración co Concello do Barco. Así mesmo o presidente provincial destacaba o novo plan de cooperación da Deputación de Ourense, que vai permitir que “proximente se liciten máis obras para O Barco, que chega a case 440.000 euros nese plan, que é unha cantidade importante, que co incremento que levamos xa previsto para ese plan, que será dun millón de euros, e polo tanto, O Barco sen ningunha dúbida vai ter arredor de 1,8 millóns de euros de investimento mínimo por parte da Deputación. Esta poboación meréceo porque é moi dinámica, O Barco é o motor económico dunha comarca tan importante como Valdeorras”.

Menor resaltaba ademais que este tipo de apoios son “cumprir a palabra dada, que é vir ata O Barco e a Valdeorras, atender a súa xente e as demandas dos seus responsables e intentar entre todos dar o mellor servizo. Penso que unha actuación como esta culmina moitas iniciativas feitas previamente polo Concello”.

Á súa beira, o alcalde do Barco, Alfredo García, indicía tamén na “empatía entre o presidente da Deputación e o Concello do Barco” e na importancia do novo “plan de cooperación porque iso garántenos que dende o 1 de xaneiro temos un orzamento co que podemos contar para dedicar ao que queiramos, no noso caso decidimos parte que unha parte ía para investimento e outra para gasto corrente”.

Artigos relacionados

Back to top button