Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Luis Villares: “Reivindicamos unha restauración ambiental das canteiras que ademais pode ser unha oportunidade laboral”

O portavoz de En Marea visitaba O Barco neste 18 de abril, acompañado polo cabeza de lista ao Congreso, Iván Olmos; e defendía “un plan industrial para Valdeorras ligado ao lanzamento do Corredor Atlántico Ferroviario”

Minería, restauración ambiental e o Corredor Atlántico. Son os tres temas aos que se refería o portavoz de En Marea, Luis Villares, na visita que realizaba na mañá do 18 de abril ao Barco, acompañado polo candidato ao Congreso por Ourense desta formación, Iván Olmos, así como por outros membros da candidatura como Sonia Couso, e polo deputado galego Davide Rodríguez. Xuntos facían un percorrido pola vila, saudando aos veciños e repartindo información.

“Queremos reivindicar o sector mineiro neste momento aquí no Barco nunhas coordenadas que sexan xustas laboral e ambientalmente. O PP foi responsable da emigración e da falta de oportunidades laborais con dúas reformas laborais, primeiro apoiando ao PSOE e logo ao PP con Mariano Rajoy, o que deu lugar a unha precariedade absoluta e que incluso supuxo que nos concellos do oriente da provincia de Ourense teñamos un empeoramento das condicións laborais nas canteiras”, aseguraba Villares.

En segundo lugar, avogaba por unha recuperación ambiental das zonas mineiras. “O PP tamén creou unhas condicións de desfeita ambiental, que ata agora mesmo non están sendo restauradas, e que deron lugar a un director xeral de Minas, do que por certo pedimos a súa demisión inmediata pola súa imputación, porque non pode seguir nin un minuto máis á fronte dun departamento da Xunta de Galicia quen está sendo investigado por delitos medioambientais”, resaltaba Villares. O portavoz de En Marea plantexaba que “o noso compromiso co medioambiente debe ser compatible coas oportunidades laborais, por iso reivindicamos unha restauración ambiental daquelas canteiras que se van pechando, que iso é un compromiso que tiñan xa adquirido as empresas, a parte dunha obriga legal, e iso pode ser ao mesmo tempo unha oportunidade laboral”.

 

Os representantes de En Marea, no seu percorrido polo Barco.

 

Finalmente, Villares dicía que “vimos de coñecer que o Europarlamento acaba de aprobar a ampliación do Corredor Atlántico Ferroviario que pasa polo Barco de Valdeorras. Nós pensamos que se debe aproveitar esta circunstancia para facer unha promoción empresarial, pero, sobre todo, unha promoción industrial que teña que ver co asentamento de industrias que teñen as mercadorías que entran polos portos galegos nos puntos de Monforte e O Barco e seguintes estacións, que poden ser espazos para o relanzamento industrial. Ata o de agora non se ten falado nada disto e En Marea quere poñer enriba da mesa un plan industrial para toda a comarca, que teña que ver co lanzamento do Corredor Atlántico Ferroviario”. Para En Marea estas son “tres iniciativas que serían indispensables para a afianzar un futuro en Valdeorras, que ata agora está sendo negado polas políticas do PP”, engadía o seu portavoz.

Pola súa banda, Iván Olmos, cabeza de lista ao Congreso, incidía en que En Marea está facendo “moito fincapé nesta campaña en poñer enriba da mesa medidas non só para revitalizar o rural, senón tamén para acabar con ese proceso de despoboamento que é un dos principais culpables da situación actual da provincia de Ourense e que ten uns culpables evidentes, que é o PP que goberna na Deputación, que goberna na maior parte dos concellos desta provincia, e que goberna na Xunta e que gobernou moitos anos no Estado”.

Olmos considera que para poder asentar poboación no rural “ten que haber servizos públicos de proximidade e oportunidades laborais dignas para que a xente moza non siga marchando del, temos que potenciar tamén o sector primario nesta comarca, e especialmente o sector vitivinícola e o da produción de castaña porque tamén é algo que nos vai diferenciar para que Valdeorras sexa tamén un eixo estratéxico neste sentido na provincia. O noso compromiso é estarmos poñendo enriba da mesa propostas concretas para atallar este problema de despoboamento de xeito transversal e que mellore para o futuro a situación destas comarcas”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button