CulturaCulturaÚltima hora

Magosto, foliada e andaina na VIII Xornada Castañeira nos Anguieiros (Montefurado)

 

A Asociación Sociocultural Boca do Monte presenta unha nova edición da súa Xornada Castañeira que se celebrará na fin de semana do 2 e 3 de novembro nos Anguieiros (Montefurado, Quiroga).

Trátase dun encontro co que buscan socializar poñendo en valor a celebración comunitaria do magosto no que non faltarán as castañas asadas, con empanada, viño e sobremesas gustosas “pero tamén ofrecer a interacción da rapazada, coa elaboración de cabazas de Samaín e as visitas a caniceiras que aínda se conservan na aldea dos Anguieiros”, explican dende o colectivo.

 

 

Un completo programa de actividades que se celebrarán o sábado día 2 de novembro pola tarde e noite. Ás 17 horas haberá un obradoiro de cabazas de Samaín e visitas ás caniceiras, ás 20 horas empezarase a facer lume para asar as castañas e a partir das 21 horas será a merenda-cea coas castañas asadas con sobremesas, viño e licores. A continuación foliada co grupo tradicional O Recanto.

Ademias, este ano incorporan unha interesante camiñada divulgativa na contorna do Túnel de Montefurado prevista para o domingo 3. A saída será ás 10h. dende a aldea dos Anguieiros e volta ao mesmo lugar sobre as 13h. despois da ruta “pola antiga canle deste monumento natural único que lembra o pasado aurífero da zona”, puntualizan, explicando que o guía será o xeólogo Óscar Pazos, autor do libro A invención da Gallaecia e a minaría do ouro (Aterra Libros 2023).

A xornada conta coa colaboración do Concello de Quiroga e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 

Artigos relacionados

Back to top button