ConcellosÚltima horaViana do Bolo

“Maio, Mulleres e Letras”, o completo programa de Viana para celebrar o 17 de maio

Incluirá propostas teatrais, obradoiros, unha ruta ou actividades a través das redes sociais e será pola Concellería de Cultura, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres

 

Cun completo e variado programa, pensado para todas as idades, celebrará o Concello de Viana do Bolo o Día das Letras Galegas. “Neste ano 2021, coincidindo co centenario da morte de Emilia Pardo Bazán (o 12 de maio) e coa homenaxe das Letras Galegas á poeta Xela Arias (5ª muller en
conseguir esta distinción), a organización desta data foi levada a cabo pola Concellería
de Cultura, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM)”, destacan dende o Concello.

Neste senso, a finalidade dos actos programados é “reivindicar o papel das nosas escritoras e tamén o papel que moitas mulleres anónimas tiveron na conservación e divulgación da nosa cultura e tradición, tanto de forma escrita coma oral.

Entre as actividades propostas figuran algunhas que levarán a cabo a través da redes sociais, como “Aprende coas mulleres galegas” (unha iniciativa en forma de material didáctico elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade que pretende dar a coñecer e afondar na vida de grandes
mulleres galegas e, neste caso, de autoras galegas, “Lecturas recomendadas (recomendación de
obras dispoñibles na nosa Biblioteca Municipal. Durante este mes, a protagonista desta sección será Xela Arias) e “E ti que ves lendo?” (unha actividade participativa na que as veciñas/os que o desexen poden e suxerir unha lectura en galego baixo o hashtag “#etiqueveslendo?”.

Así mesmo está prevista a elaboración dun Mural polo Día da Letras Galega na Praza Maior cunha breve historia das persoas homenaxeadas coas Letras Galegas (maís de 50 autores e autoras galegas) e dous espectáculos teatrais, na Casa da Cultura de Viana do Bolo. Trátase de “As Lavandeiras” (unha actuación cantada e contada na que as protagonistas son as mulleres) e a comedia “Feminísssimas”. En ambos espectáculos (que están dentro da Rede de Auditorios da Deputación de Ourense) aplicaranse as normas Covid.

O programa tamén inclúe obradoiros coa poeta galega Yolanda Castaño: durante a mañá do
xoves 20 de maio para alumando do IES Carlos Casares e un contacontos ilustrado e musical baseado no libro sobre Xela Arias.

Outra das propostas será a ruta “Contando Viana en Feminino”. Farase polas rúas do Cabo da Vila de Viana do Bolo “no que narraremos a importante contribución que as mulleres fixeron a historia da nosa vila e comarca. A ruta constará de varias de escenas que serán representadas por veciñas de Viana e rematará cunha emotiva sorpresa para o público asistente”.

O Concello de Viana do Bolo ten previsto agasallar cun marcapáxinas ás persoas que participen nalgunha das actividades programadas serán agasalladas cun marcapáxinas deseñado con motivo do Día das Letras Galegas. Ademais matizan que a “celebración das actividades pode sufrir modificacións, aprazamentos ou cancelacións en función das restricións existentes no momento da súa celebración”.

Artigos relacionados

Back to top button