SanidadeÚltima hora

Máis de 1 millón de euros para renovar as mesas cirúrxicas do Hospital de Ourense

 

Un investimento de 1.121.716,81 euros da Xunta permitirá modernizar todos os quirófanos do Hospital Universitario de Ourense, con 23 novas mesas de operacións móbiles e de altas prestacións, no marco dunha licitación deste equipamento destinado aos hospitais de Ourense, Vigo, Santiago e A Coruña que ven de ser adxudicado a Getinge Group Spain S.L.U.

Do orzamento global de 3 millóns de euros, a maior partida é a destinada ao Hospital Universitario, onde se instalarán 4 mesas de prestacións avanzadas e 19 mesas móbiles, estas últimas do modelo Getinge Maquet Meera, por un valor de 755.483,36€. Contan con desprazamento lonxitudinal motorizado, o que permite unha radiotransparencia case ilimitada, para a realización de probas radiolóxicas intraoperatorias, cunhas características que garanten a máxima confortabilidade e seguridade tanto para os pacientes como para o persoal.

A nova mesa de operacións recibiu o galardón iF Design Award polo seu deseño, xa que a súa flexibilidade de posicionamento e inclinación facilita o seu uso en todas as disciplinas cirúrxicas, con maior confort para os pacientes e os profesionais. Asemade, contan cun maior número de seccións e de articulacións motorizadas; maior rango de altura e ángulo de inclinación; así como unha maior anchura do taboleiro e grosor do colchón, segundo destaca a Consellería de Sanidade.

Tamén inclúen un sistema de sensores, que evita colisións durante os movementos dentro do quirófano; un sistema de auto nivelación e un sistema de iluminación de seguridade baixo a mesa, que alerta do estado da mesma, se está freada ou non. Abundando na seguridade, as superficies e a cuberta da base son de aceiro inoxidable e planas para facilitar a limpeza e a desinfección.
Mesas de altas prestacións 100% radiotransparentes

Ás catro mesas cirúrxicas de altas prestacións, modelo Getinge Maquet Otesus destínase un orzamento de 366.233,46€. Son mesas de operacións modulares, cunha ampla variedade accesorios, para que o persoal cirúrxico poda adaptar a composición a cada paciente ou intervención, e que polas súas características adicaranse a cirurxía vascular, neurocirurxía, traumatoloxía e cirurxía xeral e do aparello dixestivo.

As novas mesas de operacións avanzadas inclúen unha columna fixa, con control manual e unha amplísima variedade de posicionamentos, mediante un mando de control intelixente, intuitivo de fácil manexo, mellorando a seguridade dos pacientes, cunha capacidade e estabilidade de ata 250 quilogramos en posición invertida.

Igualmente, este sistema conta con taboleiros que permiten unha fácil transferencia do paciente, para evitar a repetición de desprazamentos e garantir a súa seguridade e a dos profesionais en todo o procedemento. Igualmente gran parte das súas pezas e accesorios son lavables directamente nas máquinas esterilizadoras.

Con base de fibra de carbono, son 100% radiotransparentes, permitindo obter imaxes radiolóxicas de precisión en todos os ángulos. Igualmente son totalmente flexibles para unha gran variedade de procedementos, cun posicionamento óptimo para cirurxías de columna e vasculares.

Artigos relacionados

Back to top button