EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Máis de 30.000 degustacións vendidas na Feira do Viño de Monterrei

Esta cifra supón aproximadamente un 8% máis que na edición do ano 2019, que ata este momento fora a máis exitosa

Asistentes á Feira do Viño da D.O. Monterrei./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na súa 15ª edición, celebrada en Verín do 12 ao 14 de agosto, a Feira do Viño de Monterrei superaba, de novo, todas as previsións. Rexistraba un incremento tanto do número de visitantes á feira como de degustacións. Nesta ocasión superáronse as 30.000 degustacións vendidas nos tres días de feira, o que supón aproximadamente un 8% máis que na edición do ano 2019, que ata este momento fora a máis exitosa. “Atopámonos ante unha cita vitivinícola consolidada que, ano a ano, aumenta o número de visitantes, venda de tíckets-degustación e de botellas de viño”, indica a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva.

“Ademais, nesta ocasión, puidemos comprobar como aumentou o interese da cultura do viño na xente nova, xa que moitos dos visitantes que recibimos este ano sitúanse no rango de entre os 20 a 35 anos. Todo iso, sen esquecer que o espazo foi compartido, como sempre, por familias, amigos e coñecidos, que se puideron reencontrar despois destes dous longos anos para todos nós. Polo tanto, estamos moi agradecidos pola acollida que o evento tivo, e esperamos seguir respondéndolle aos consumidores como mellor sabemos facelo, a través duns viños cunha excelente calidade recoñecida”.

Adegas participantes

Na última edición da Feira do Viño Monterrei participaron un total de 18 adegas rexistradas na denominación: Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adegas Terrae, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Adega Abeledos S.L., Setembro, Adega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Adega Manuel Vázquez e Serra de Alén.

Casetas gastronómicas

Así mesmo, estiveron presentes postos de gastronomía como A Alacena para levar, Conservas de Santoña, Xamóns Don Francisco, Queixería Gaia, Alacena Produtos Delicatessen, Panadería Roscas, Casa do Polbo e Misco-Midas Food Truck.

Artigos relacionados

Back to top button