EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Manifestación en Viana para pedir a continuidade da explotación na mina de Penouta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) decretaba en outubro a paralización cautelar da explotación desta mina, en mans da empresa canadense Strategic Minerals, “ante os graves impactos que ten a mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000”, pola vertedura de metais pesados

 

A praza Maior de Viana do Bolo volvía converterse no mediodía deste 25 de novembro en escenario dunha manifestación en defensa da explotación da mina de Penouta, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) decretase en outubro a paralización cautelar da explotación desta mina “ante os graves impactos que ten a mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000”, pola vertedura de metais pesados. Esta mina está sendo explotada pola empresa canadense Strategic Minerals.

 

 

A manifestación, no decurso do cal os establecementos comerciais de Viana pechaban as súas portas, percorría o centro da vila e remataba na praza Maior, onde Francisco García Polonio, director técnico da empresa, procedía a dar lectura a un manifesto. Nel a compañía manifestaba o seu compromiso total con este proxecto “que defenderá ata o final. Presentáronse os recursos para impugnar a decisión e confiamos nos nosos argumentos para que o Tribunal, unha vez avaliado os elementos esenciais ambientais e sociais e do impacto que tería a suspensión da actividade da empresa na contorna, reconsidere a súa decisión”.

 

 

Desde Strategic Minerals insístese en que a decisión do TSXG “vulnera o dereito ao traballo de 129 familias directas, negocios e entidades das localidades da comarca de Viana do Bolo e lamenta a inseguridade xurídica que esta decisión xera en termos de investimento ao avaliar os investimentos nacionais e estranxeiros a súa participación en proxectos como este”.

 

 

Entre os asistentes á concentración había diversos representantes políticos de concellos da zona e de diversas formacións, entre os que estaba o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, así como deputados provinciais. “Viana está moi preocupada, estamos intentando reverter a situación e que o pensen ben. Hoxe penso que houbo unha manifestación unánime, de toda a xente, que sabe o interese da comarca e nós imos estar con eles ata o final”, destacaba o alcalde vianés, ao termo da mobilización.

 

 

“Por agora non temos novidades”, proseguía o rexedor, “sabemos que se están estudando os dous recursos que plantexaron tanto a Xunta como a empresa, e estamos á espera. Agardamos que polo menos a finais deste ano nos dean algunha nova, que permitan volver a traballar na mina, e iso xa sería un éxito para nós. Na manifestación viuse que os traballadores teñen unha media de corenta anos, entón é xente que se asenta aquí e que lle dá vida á zona. Por iso a cuestión é, se nos quitan a mina, ¿cara onde irá o rural? ¿cara onde irá Viana? Ese é o problema que temos e pola riqueza que lle dá á comarca”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button