Logo de varios meses sen celebrarse, o municipio de Manzaneda recuperará en xuño as súas feiras, que se celebran o día 8 en Raigada e o día 22 na vila, con postos de pulpeiras incluídos. Así se recolle no bando emitido neste 5 de xuño polo seu alcalde, Amable Fernández Basalo.
O rexedor toma esta decisión, tendo en conta a “Orde do Ministerio de Sanidade 399/2020, de 9 de maio, para flexibilizar determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase I do Plan para a transición cara unha nova normalidade” e visto “o artigo 10.6 que sinala que, cando así o decidan os concellos correspondentes poderase proceder á reapertura dos mercados que desenvolvan a súa actividade ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública”.
Nese senso, o alcalde de Manzaneda, un concello que se mantivo libre de virus, anuncia a través deste bando que se abren de novo as feiras e mercados no concello, pero para poder celebralos deberán “cumprirse as condicións de seguridade, distanciamento entre postos, distanciamento entre as persoas, aforo, etc. esixidos polas autoridades sanitarias competentes”.