En portadaÚltima hora

Manzaneda, Viana e Vilariño únense para promocionar o seu “triángulo máximo” do Entroido

 

Os Entroidos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso presentábase de forma conxunta esta mañá nun acto celebrado neste último concello e que contaba coa presenza dos tres alcaldes destes municipios e coa da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

“Levamos dous ano sen celebrar as festas gastronómicas asociadas ao Entroido, que recuperamos este ano, e volvemos xuntarnos os tres concellos para facer esta unión, que xa iniciamos no 2020, máis forte con días diferentes de celebración para non solaparnos os uns aos outros, que serían o Sábado de Entroido en Vilariño de Conso coa Festa do Cabrito, o Domingo Gordo coa Festa da Androlla e o Martes de Entroido co seu xantar popular. Con esta unión pretendemos que todo visitante que veña a estes concellos poida desfrutar dos seus Entroidos”, dicía a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen mencionaba tamén o apoio de Turismo de Galicia no labor de promoción desta festa.

 

 

Tamén interviñan no acto o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, quen destacaba as “tremendas expectativas” para a vindeira edición da Festa da Androlla, a tradición do seu Entroido e importancia de unir forzas entre os tres concellos; e o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, que incidía nesta mesma cuestión sinalando que se trata de “continuar co que comezamos hai 3 anos, de traballar xuntos polo noso fulión, que é algo propio e moi orixinal e que non ten nada que envexarlle a ningún outro Entroido”. Amable Fernánez tamén apuntaba que se trata de “vir a desfrutar da festa, que eu penso que ano tras ano vai seguir medrando”.

 

 

Neste senso, a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, engadía que “o máis importante é que se respecte ás mascaras e ás tradicións, iso é fundamental”. Da mesma maneira se pronunciaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen lembraba que esta comunidade posúe 7 Entroidos con distinción de interese turísticos, entre os que figuran os de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

 

 

 

Ademais referíase aos entroidos como unha das maiores riquezas do noso patrimonio etnográfico e cultural, o que ademais nos permite mostrar o mellor da nosa terra e desestacionalizar a chegada de turistas ao longo do ano.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button