Continuando coas actividades organizadas para este ano, a sección de sendeirismo do Club Peña Trevinca Barco organiza unha marcha á Pincheira de Portomao (Fervenza) por Correxais (Vilamartín de Valdeorras) para o vindeiro domingo 12 de abril.
O punto de partida será a pasarela que une O Malecón co Salgueiral, no Barco, ás nove da mañá e o percorrido será por A Raña ata Arnado, subindo a Correxais e seguindo ata a Fervenza con visita á Pincheira e un castro. A ruta é circular e ten unha distancia aproximada duns 19 quilómetros, cun desnivel positivo acumulado de 350 metros e unha duración de entre 4 e 5 horas. “Nesta ocasión unímonos á actividade que tiña prevista o grupo ‘Camiñadas Culturais de Valdeorras’ e iremos acompañados polo arqueólogo e historiador Santigao Ferrer” explican dende o club engadindo que a marcha está aberta á poboación en xeral.
Para unha semana máis tarde, o domingo 19 de abril, o Peña Trevinca Barco ten prevista outra saída. Nese ocasión, será a Cueto de Arbas a 2.007 metros de altitude en plena Cordilleira Cantábrica (P. de Leitariegos-F. del Narcea, Laciana).
Cun desnivel aproximado de 482 metros e entre 4 e 5 horas de duración, a dificultade da ruta valorarase en función da meteoroloxía e o estado do terreo. A organización estará a cargo de Federico Rodríguez que irá manexando os tempos de marcha do grupo. O punto de encontro será a praza do Concello ás 8 horas.