PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) fala no Parlamento galego da situación “de precariedade do Hospital de Valdeorras”

A deputaba lembraba que o pasado 28 de novembro "Valdeorras saíu a rúa no Barco, de maneira masiva, para reclamar unha atención sanitaria digna e pública”

A deputada María Albert intervindo no Parlamento galego./ Cedida.

 

Esta mañá a deputada ruesa do BNG, María Albert, levaba ao Parlamento galego “a situación de “precariedade do Hospital Público de Valdeorras”. En concreto mencionaba “varios casos de pacientes obrigados a trasladarse dende Valdeorras a Ourense no seu coche privado ante a carencia dunha ambulancia ao que sumou a parálise de investimentos en infraestruturas, dende hai meses, así como en equipamento que finalmente rematan no CHOU mentres en Valdeorras continua co antigo”.

Na súa intervención fixo referencia a unha pregunta en pleno ao conselleiro de Sanidade sobre a carencia de traumatólogos porque no hospital de Valdeorras, explicou “faltan 22 facultativos e facultativas”, un terzo de “persoal especialista para cubrir a atención sanitaria”.

As prazas, insistiu a nacionalista “non se cobren porque son precarias, con contratos de curta duración que imposibilitan o acceso a programas de formación. No mes de decembro de 2020, o BNG trouxo ao Parlamento galego o problema da falta de radiólogos e en maio do ano 2022, vostedes están anunciando prazas para esta especialidade. Durante dúas semanas deste mes de abril só tivemos dous internistas no Hospital do Barco de dez que tiñan que estar operativos e só temos un hematólogo dende o ano 2021″. Para a nacionalista, esta situación “non é conxuntural, nin restrinxida a unha determinada especialidade, responde á deixación da Xunta coñecedora dunha situación sobre a que non quere tomar medidas”.

A parlamentaria remarcou que “a precaria situación do hospital público e a comarca incide negativamente na atención aos pacientes pero tamén, dixo, a relación entre pacientes e traballadores mesmo con algún episodio de violencia física que nunca acontecera no Barco e coincidindo co persoal de seguridade meses sen percibir a súa nómina durante cinco meses mentres o Sergas miraba para outro lado ate hai unha semana”.

“Recuperar a área sanitaria”

María Albert indicaba que “a cidadanía quere ser atendida en condicións e neste momento non é posible por falta de medios e a responsabilidade do que está acontecendo en Valdeorras”. A xuízo da deputada do BNG, urxe recuperar a “área sanitaria que ten capacidade de xestión e orzamento propio e polo tanto recursos para mellorar a atención médica. É necesario cubrir as baixas e as prazas de especialidade no hospital público, adecuar o persoal ás necesidades do servizo, reducir esta eventualidade crónica, rematar as obras iniciadas, executar as obras prometidas e un investimento específico para o arranxo dos centros de saúde do distrito que están en condicións deficitarias”.

Artigos relacionados

Back to top button