Na praza do Concello do Barco vén de retomar na mañá deste martes o BNG a campaña de recollida de sinaturas “fronte ao espolio eléctrico”, que se puxera en marcha xa antes do verán. “No mes de xullo presentamos na Xunta de Galiza máis de 23.000 sinaturas e agora en setembro estamos recuperando esta campaña por un problema de primeira magnitude que está a vivir a cidadanía galega particularmente”, explicaba a deputada valdeorresa no Parlamento galego, María G. Albert, acompañada polo responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga, e polo concelleiro nacionalista no Barco, Suso Vilasánchez.
A campaña de recollida de sinaturas continuará nesta semana noutros puntos da comarca. Así na mañá do venres estarán na praza do Concello da Rúa e o sábado na praza do Concello de Larouco.
¿Por que o BNG continúa con esta campaña?
Nun ano vimos como o prezo do megawatio/hora se ten multiplicado até nun 286% nos picos nos que estivo a 192 euros. No 2020 a estas alturas estaba a 56 euros o megawatio/hora, estamos a falar dunha suba de case do 300% o cal é absolutamente inasumíbel por parte da cidadanía. Ademais vimos este verán como as eléctricas están a interferir artificialmente no prezo da electricidade con este baleirado agresivo que fixeron dos nosos encoros con repercusións non só na factura eléctrica, senón tamén na extinción de lumes, por exemplo: houbo problemas neste verán no lume de Ribas de Sil, onde os avións se tiveron que desprazar moito máis lonxe pola auga porque os encoros máis próximos onde cargan habitualmente non tiñan fondura suficiente por culpa deste baleirado. Para nós é un delito ecolóxico primeiro e, despois, un delito a moitos niveis.
¿Cales son os eixos desta campaña?
Focalízase en catro cuestións básicas. Por unha banda, está a redución do IVE da electricidade ao IVE súper reducido do 4% porque nós entendemos que a luz é un ben básico e como tal ten que ser tratado fiscalmente. Doutra banda, está a modificación do pool eléctrico para que non se valore igual o prezo que custa producir enerxía hidroeléctrica e nuclear, xa que este último é o prezo que se estima como o referencial. Isto pode verse moi ben se o comparamos cunha compra no supermercado: se eu merco percebes e unha barra pan e me cobran todo ao prezo deste marisco, pois estanme roubando. Isto vese asumible con toda normalidade, pero a nós parécenos que é un roubo á cidadanía.
En terceiro lugar, está a eliminación das peaxes de transporte de luz da factura dos galegos/as xa que nós somos produtores de electricidade, non temos por que pagar esas peaxes, e logo hai unha serie de impostos que se están a cargar no recibo da luz e que non se corresponden, e iso ten que desaparecer da factura. E, doutra banda, está a creación dunha tarifa eléctrica galega, precisamente por esta condición de produtores que temos, un produtor non pode pagar a luz ao mesmo prezo que quen non produce.
¿Hai xa exemplos de tarifas eléctricas diferenciadas en países europeos? ¿e no Estado español?
Esta tarifa eléctrica diferenciada para Galiza que nós levamos anos reclamando e que sempre, tanto dende o estado central como dende a Xunta de Galicia se nos di que non é viable, hai moitísimos estados en Europa que a teñen para as zonas produtoras, sucede en países como Alemaña, Italia ou Austria… En moitísimos estados, é totalmente viable, é unha cuestión de vontade política facelo que aquí, tanto dende o Estado como dende a Xunta, non existe. Nós seguimos reclamando isto e imos levar esta iniciativa ao próximo pleno do Parlamento galego de novo, a vindeira semana, e a ver o que din os partidos. Temos antecedentes non moi lonxanos de que van votar en contra, pero eu creo que a cidadanía galega tamén o debe ter en conta porque é unha cuestión, única e exclusivamente, de vontade política.
Ademais en Euskadi xa existe unha tarifa diferenciada para as empresas, que foi un exemplo que nós usamos aquí na Xunta de Galiza, que sempre nos dixeron que non, a resposta de Feijóo foi que en España non o entendería. Eu creo que onde non o entenden é en Galicia.
O feito de ter unha tarifa propia, ¿implicaría tamén mellorar a competitividade das empresas?
Si claro, e iso estámolo vendo nas electrointensivas. A crise que vivimos, por exemplo con Alcoa, que vai acabar pechando se ninguén o remedia, é unha cuestión dos custos enerxéticos que teñen as empresas. As subas son absolutamente inasumibles para as empresas, e máis nun país como o noso, que como dicía, é absolutamente excedentario na produción de enerxía eléctrica.
¿O BNG ten previsto presentar algunha iniciativa no Congreso dos deputados nese senso?
Si, xa se ten presentado, non se ten debatido aínda, pero xa está rexistrada. É un debate de longo.
¿Que resposta está tendo socialmente esta campaña?
Pois unha moi boa resposta, estamos sorprendidos. A xente está respondendo ben porque é unha demanda social, porque a xente o ve no seu recibo da luz, todos os meses. E iso a quen lle chega, porque está pasando tamén que a unha porcentaxe alta da poboación e das empresas leva até 4 ou 5 meses sen recibir a factura da luz, non só en Galiza, isto pasa en todo o Estado. É unha porcentaxe bastante alta e claro está a xente asustada porque cando lle chegan eses atrasos e ademais sen saber a canto asceden esas facturas pola suba.
Fotos: A.R.