Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

María G. Albert: “Queremos mobilizar todo o voto para que A Rúa teña un futuro”

A cabeza de lista do BNG na Rúa presentaba o proxecto nacionalista para este concello nun mitin no que estaba acompañada pola deputada galega Rosana Pérez e pola eurodeputada Ana Miranda

 

O vindeiro 28 de maio “hai que votar co corazón, pero tamén coa cabeza, queremos mobilizar todo o voto para que o noso concello teña un futuro máis alá das siglas, a xente ve a necesidade de que A Rúa cambia de rumbo. E ese cambio só pode vir da man do BNG”, resaltaba María G. Albert, candidata nacionalista á alcaldía ruesa e deputada galega, nun mitin que enchía na tarde do 21 de maio o Centro Cultural Avenida da Rúa e no que estaba acompañado por outras dúas parlamentarias galegas: Carmen Aira, Rosana Pérez, e pola eurodeputada do BNG Ana Miranda.

Albert confesábase emocionada “porque amo este concello, son unha namorada do meu pobo, este recuncho é un lugar máxico que nos permite estar no mundo dende esta singularidade”. Lembraba que se criou neste municipio do que saíu para estudar e traballar, ao que regresou e que durante 41 “puiden desfrutar dos meus pais”. E, ademais no que ser converteu “na primeira muller alcadesa”. “Aquí”, engadía Albert, “quero criar ao meu fillo e que, como mínimo, que teña as mesmas posibilidades que tiven eu. Quero que A Rúa teña o mellor futuro posible para el e pero tamén para os fillos de todos vós, porque merecen un futuro prometedor para o seu concello”.

A candidata á alcaldía do BNG comentaba nese senso que A Rúa “está a sufrir unha perda de servizos, de poboación… e para reverter esta dinámica fai falla vontade e moito esforzo colectivo e ter claro que posibilidades ofrece o noso entorno, a viticultura, os recursos dos nosos montes, os núcleos rurais, o centro urbano, para o que temos moitas propostas”.

 

 

Albert sinalaba tamén que “vimos de 4 anos moi duros anivel persoal e político, pero temos que deixar iso atrás, a xente quere outra forma de gobernar. E nós temos o mellor equipo, de 22 persoas, o máis plural, o máis renovado, completo e comprometido con este concello e que lle quere á Rúa, porque temos que recuperar o orgullo de ser da Rúa. E temos o mellor proxecto para levar a cabo ese cambio na Rúa nos próximos anos”. A partir de aí abordaba tres cuestións municipais, a primeira delas a do novo Centro de Saúde. “O día que ese centro abra as súas portas será grazas á cidadanía da Rúa, que durante anos se mobilizou, iso demostra que a unión da xente serve para mudar as cousas”. E matizaba que ese novo centro debería, “como mínimo, ter os mesmos servizos que tiñamos ata o de agora, xa que están previstas 3 consultas de facultativos e agora mesmo temos 4 médicos”.

En segundo lugar a candidata nacionalista referíase á débeda municipal, “á herdanza económica. Recentemente tivemos que facer un pleno extraordinario no que o actual goberno municipal aprobou un plan de axuste que implica que a partir do ano que vén se pretendan subir as taxas e impostos municipais. Esta é a actual xestión do goberno local. Se nós chegamos ao goberno comprometémonos a facer unha xuntanza aberta para que se vexa cal é a evolución económica do Concello e na que a xente teña participación e saiba en que se gastan os cartos”. E, ademais, falaba das piscinas municipais, “nas que no último ano vivimos unha situación demencial e parece que hai quen desexa que este ano pase o mesmo. Estamos a 21 de maio e agardouse a este mes para sacar a concurso a súa xsetión e quedou deserta. Se nós temos a oportunidade, faremos o posible para que as piscinas saian nas mellores condicións”.

 

 

Finalmente centrábase no programa de goberno do BNG para A Rúa, “moi completo, realista e que atende as necesidades da Rúa para os próximos anos”. Un proxecto que resumía en cinco grandes bloques: “a reactivación económica, os servizos, poñendo o foco “en primeiro lugar na auga, a renovación do abastecemento é a primeira necesidade que temos”; o sector vitivinícola, “que é a nosa gran oportunidade de futuro”, a aposta por una “Rúa humana e pola democratización”, así como por unha “Rúa do benestar, cunha programación planificada todo ano para a infancia, a mocidade e os maiores”.

María G. Albert pechaba un mitin que abría outra persoa do equipo nacionalista rues, Cristian “Titi” Ladrón de Guevara Yepes e no que se incluía a proxección dun vídeo de toda a candidatura. Despois tomaba a palabra o número 2 da lista, Avelino Fernández, quen incidía en que “vimos de pasar unha lexislatura moi dura” e aseguraba que “A Rúa ten que recuperar a confianza na institución, no concello”.

 

 

Tras interviña a deputada galega Rosana Pérez afirmando que “A Rúa vai ser un dos concellos onde goberne o BNG, e que son modelo de éxito”. A partir de aí expoñía esas claves que fan que eses concellos “onde goberna o BNG acaben sendo referencia non só dentro do país, senón tamén fóra: a confianza no noso país, a posta en marcha de proxectos de vangarda e pioneiros, a eficacia na xestión e a democracia, porque son concellos profundamente democráticos e participativos”.

 

 

A quenda de intervencións completábase con Ana Miranda, eurodeputada do BNG, quen agasallaba a María G. Albert cunhas flores plantadas pola súa nai “porque creo que é moi importante coidar das persoas e da xente boa e xente boa como María e como o resto da candidatura hai poucas”.

 

 

Miranda explicaba que o BNG “ten un proxecto político que avanza, temos máis poder político no Parlamento galego, estamos en Madrid e en Bruxelas, defendendo alá os nosos sectores produtivos e o rural, temos tres deputacións e pronto teremos a cuarta porque imos subir na provincia de Ourense e temos alcaldías por todo o país”. E iso porque “nós miramos pola xente, polo pobo” e “na Rúa respírase cambio”, concluía.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button