SanidadeÚltima hora

María Neira insta aos alcaldes a crear “cidades saudables que prioricen ás persoas”

A directora de Saúde da OMS, de orixe valdeorresa, participaba hoxe no seminario "Hábitat saudable e biodiverso" da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra

 

A directora do Departamento de Saúde e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), María Neira González, de orixe valdeorresa, instaba neste venres dende a Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra aos alcaldes e alcaldesas a “crear cidades saudables que prioricen ás persoas”, e á cidadanía a “escoller a representantes políticos que presenten as mellores planificacións urbanas en beneficio da saúde e a biodiversidade”. Participaba no seminario “Hábitat saudable e biodiverso”.

Segundo a doutora Neira, o papel dos rexedores é fundamental á hora de xestionar políticas de mobilidade, transporte público, de planificación urbana e espazos públicos, polo que instou a utilizar argumentos económicos, de saúde, e tamén electorais para que estes aposten por modelos saudables.

“Nós dicimos que os responsables municipais son ministros de saúde aínda que eles ou elas non o saiban, porque teñen nas súas mans a capacidade de crear as condicións que van influenciar dunha forma importante a saúde e benestar das persoas”, resaltaba.

Asegurou de forma taxativa que “mellorar as condicións de vida nas cidades, de aparcamento, de transporte, dá votos, crédeme!” e aínda que recoñeceu que ao mellor os primeiros días comerciantes do centro protestan se se quitan os coches, poucos meses despois están totalmente de acordo: “Hai milleiros de experiencias arredor do mundo onde os que protestaron cando se quitou o tráfico meses despois non querían volverían atrás”.

Neira puxo enriba da mesa que nestes momentos prodúcense cada ano no mundo 7 millóns de mortes prematuras pola contaminación do aire e destacou que as persoas deben ser conscientes de que o seu benestar está en xogo: “O hábitat no que nos desenvolvemos é importante, polo que urbanistas, arquitectos, responsables políticos… todos temos a responsabilidade de que as cidades sexan lugares nos que a saúde non estea en risco. Hai que recuperar o verde e o saudable, (…) son medidas de sentido común”, aseguraba.

De feito, dixiríndose á cidadanía xeral subliñou que ten o poder na súa man para que as cidades sexan habitables. “Hai unha cousa que se chama voto. Exerce o teu voto ben! Exerce o teu dereito de cidadá a influenciar a outros! Analiza quen ofrece as mellores planificacións urbanísticas!”, salientou.

Neira felicitou a iniciativa da Deputación de Pontevedra de crear a Facultade Ágora e reunir especialistas multidisciplinares para formar a dirixentes e persoal técnico municipal porque “representa un espazo de intercambio de coñecemento para usalo para mellorar a vida da cidadanía”.

Artigos relacionados

Back to top button