En portadaEntrevistasÚltima hora

Lucía Álvarez: “A historia da espada de Mouruás (Río) nunca se contou como tal e é un achado importante para entender a cultura europea”

Esta actriz e directora presenta a súa primeira longametraxe, un documental sobre este valioso obxecto da Idade do Bronce, o 6 de outubro no Ourense Film Festival

A directora de “A espada de Mouruás”, xunto a esta arma da Idade do Bronce, durante a rodaxe.

 

De bronce e cuns 3.000 anos de antigüidade, a espada de Mouruás (San Xoán de Río) é un obxecto moi valioso arqueoloxicamente, pero tamén simbolicamente. Agocha unha historia, unha ritualidade e unha cultura que conecta a este recuncho do norte da península coa Europa de hai milenios, coa xénese da civilización actual. E esa historia é que recupera Lucía Álvarez no seu documental “A espada de Mouruás”, que se estreará o vindeiro venres no marco do 28 Ourense Film Festival dentro da sección “Panorama Galicia”.

É unha viaxe no tempo e na historia, pero tamén na paisaxe e na memoria, ao mesmo tempo que unha descuberta persoal para a súa directora, natural de Mouruás, que coñecía dende pequena a historia deste singular obxecto. Decidía comezar un proxecto audiovisual no 2021 sobre ela cando soubo que un equipo de investigadores ía estudar o lugar onde se atopou de forma casual alá polo ano 1968, cando se facía explotar a pena que a agochaba. Pero a medida que os investigadores avanzan no seu labor, esa historia que Lucía Álvarez pretendía contar inicialmente medraba de dimensión ata acabar tendo un carácter universal, permitindo desvelar o que significa esa espada que un guerreiro depositou antes da chegada dos romanos na fenda dunha pena no castro da Pena dos Castros.

O resultado é unha peza duns 50 minutos que a súa directora define como un “documental histórico ficcionado”, no que se convida ao espectador a entrar nesta singular historia co recurso da fábula. Trátase dun relato sonoro e visual, coa voz en off da propia Lucía Álvarez, que conta cun guión de José Ramón Fernández e co son de Lucas Troitiña, así como coa dirección de fotografía de Juan Messeguer e cunha banda sonora orixinal de Gutier Álvarez, natural de Manzaneda. Outra parte fundamental deste filme son os testemuños de expertos, pero tamén de dúas veciñas de Mouruás, unha das cales, Nemesia Blanco, recuperaba a espada.

Este proxecto, que agora chega a gran pantalla tras case 3 anos de traballo (cunha rodaxe de agosto de 2021 a maio de 2023 e unha posprodución de maio a setembro deste ano), está producido por Mezzoforte 111 e Por lo visto co patrocinio da Deputación de Ourense e co apoio do Concello da Pobra de Trives. Trátase da primeira longametraxe dirixida pola actriz Lucía Álvarez, que xa ten dirixido e guionizado a curtametraxe “Amanezca” (o primeiro do audiovisual español cun equipo tecnicamente feminino) e que ten previsto estrear outra longametraxe “Amores Brujos”, codirixido con Rosa Torres-Pardo. Recentemente finalizada así mesmo a rodaxe da curtametraxe “Amor de madre” sobre un texto homónimo de Almudena Grandes.

– Tras case tres anos de traballo neste documental, ¿con que sensación remata este proxecto que a súa primeira experiencia no xénero documental?

Estou moi contenta co resultado porque é algo sae de Mouruás, pon moi en valor a zona pero, ao mesmo tempo, enténdese que é unha intervención nun castro catalogado pola Xunta de Galicia e o que hai nel é máis importante que quedarnos só nese lugar. No mesmo documental, o etnógrafo Miguel Losada explica como isto non é importante só para Mouruás, nin para Galicia, nin sequera para a Península ibérica, nin sequera para Europa, senón que vai máis alá. E penso que iso queda reflexado nesta película, o interese que pode suscitar a zona, o importante que pode ser investigar máis sobre ela, para saber de onde vimos e como eran as cousas, e creo que á vez fai o outro labor de pór a zona en alto e de crear un interese turístico, revalorizala.

– Pero hai máis espadas desa época en Galicia e noutros puntos de Europa, ¿que fai desta algo especial?

Si, hai moitas pero atopadas en ríos, non nunha rocha nun lugar fóra dun cauce, encadrado nun castro. Iso significa que parte do mito artúrico naceu en Mouruás, naceu nesas espadas, despois xa se sabe que Mouruás era parte do camiño que conectaba coas illas británicas, co cal cabe pensar, e isto dito polos historiadores, que parte do mito artúrico forxouse aí, igual que as aldeas tal e como as entendemos agora na nosa civilización, os agrupamentos de persoas nun mesmo núcleo. Ademais este caso é especial, como se amosa no documental, porque hai unhas divinidades e unha plataforma, cúmprense unha serie de características que o fan singular.

 

– Polo tanto, o documental vai máis alá da historia da espada…

Claro, os investigadores pediron esta intervención porque levaban anos intentando entender máis cousas da zona, entón Mouruás ten uns enterramentos, está xunto aos Os Biocos, que é unha mina de ouro romana, está o río Navea, que posúe unha posición privilexiada para ver por onde veñen os inimigos: ten unha rocha do sacrificio… Falamos de como foi evolucionando a zona dende a época dos Tíburos. Entón xogamos a contarlle a historia a un neno, a quen eu lle narro un relato co que imos percorrendo este lugar con todos os datos que temos sobre el, incluíndo tamén testemuñas tanto de historiadores, como dun etnógrafo, como de dúas veciñas de cando se atopou a espada, de feito unha delas foi a que recuperou a espada a través duns anuncios na prensa que fixo en 1967.

–  Esta é a sua primeira longametraxe, despois de varias curtas, ¿como foi a experiencia, tendo en conta que se trata tamén dun documental?

É un proceso moito máis complexo e ademais ródase dunha maneira distinta. Nunha película, sexa longametraxe ou curta, fixas unha data e é unha ficción que realizas cunha persoas e nuns sitios, e aí empeza e aí acaba, despois xa vén o proceso de montaxe. Pero no caso dun documental tes que ir entrevistando á xente, visitando os sitios, pedir permiso para ver a espada… E logo os investigadores van averiguando novos datos e hai ilos engadindo, co cal non se trata dun proceso tan claro, e o guión debe ir cambiando e axustándose aos novos descubrimentos. Por iso é proceso moito máis complicado e longo, e por iso tardamos máis do que pensabamos. Esta é unha historia que non se contou nunca como tal, si se falou de aparecera daquela unha espada nunha rocha, pero ata aí, pero trátase dun achado importante para entender a cultura europea.

– Dicía ao principio que este é un proxecto que sae da zona e tamén se estrea nesta provincia, en concreto no OUFF.

Si, a estrea absoluta será no festival de Ourense, patrocinado pola Deputación, é algo que sempre tivemos claro, pero despois pretendemos sacalo fóra, de feito, xa está subtitulada para xordos (con subtítulos realizados por Mezzoforte 111 SLU e homologados por CESyA) en castelán, e tamén vai estar en inglés, para que poida chegar a máis países. A película está rodada en castelán precisamente porque sempre quixemos sacala da zona, as únicas partes que hai en galego son as testemuñas das veciñas.

 

A directora, noutro dos momentos da rodaxe do documental.

 

– Unha delas foi a persoa que a recuperou, ¿sabía do seu valor?

Si, Nemesia Blanco. Ela seguiu o rastro da espada, protexeuna pensando que era moura, e tamén conta que había un tesouro. Ela recorda ver e tocar uns aros dourados, que co tempo descubriu que eran torques. Ese tesouro, do que todos os historiadores están convencido de que apareceu no mesmo lugar da espada, non podemos certificalo porque non hai nin rastro. Pero ela que si estivo alí no momento e tivo na man eses torques.

– Nos seus proxectos a música sempre ten un papel moi importante, ¿neste caso tamén é así?

Calquera que vexa a película vaise dar conta de que a música é unha das grandes protagonistas desta historia. Tamén hai unha maneira de viaxar polo tempo e polos lugares a través dos sons que podían ter nesa época, no que nos fan sentir a nós. Resulta moito máis doado conducir a alguén emocionalmente se te acompaña un relato musical, algo que te retrotraia aos teus pensamentos e rcordos máis antigos. Nesta película todas as músicas son orixinais de Gutier Álvarez, salvo unha muiñeira. Gutier é unha persoa que coñece á perfección esta zona, que traballa con instrumentos antigos e que leva moito tempo investigando sobre os sons da nosa terra, sobre a súa historia e sobre o que nos vincula cos de fóra. Entón foi a persoa idónea.

– O obxectivo co que iniciou este proxecto, ¿mudou durante o proceso de preparación e rodaxe?

Cambiou porque ao comezo movíame a curiosidade. Cando oín que ían desbrozar, que ían empezar a investigar na zona pensei que había que documentar iso para ver ata onde se chegaba. Daquela sabía da espada o mesmo que o resto da veciñanza, que saltou da rocha e que está no museo arqueolóxico. Pouco máis, porén, cando me mentín de cheo nesta historia decateime das súas pecularidades e valor, e incluso dende fóra dicíanme se todo isto o atopan noutro sitio e cóntancho, vas correndo. E iso é certo, ás veces non nos decatamos do valor do que temos porque estivo aí sempre. Entón cambiou esa perspectiva e descubrín que o proxecto ía máis lonxe que a homenaxe á zona, cobrou outra dimensión. É unha historia local que conecta coa europea, coa universal e iso é o que eu non esperaba.

Texto: Ángeles Rodríguez
Fotos: Mezzoforte 111.

 

Artigos relacionados

Back to top button