PolíticaÚltima hora

Marina Ortega (PSdeG) pide no Parlamento galego que se reforce o persoal de Medicina Interna no hospital do Barco

A deputada socialista lembra que este servizo "chegou a contar con 10 profesionais, dos que só quedan 5, e un deles de baixa, facendo inviable prestar unha atención integral e de calidade"

A deputada socialista Marina Ortega, no Parlamento galego.

 

A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para pedirlle ao Sergas que “reforce os recursos humanos e materiais no servizo de Medicina Interna do Hospital Público de Valdeorras”. Ortega alerta de que a situación do persoal fai “inviable aportar unha atención integral e de calidade”.

A situación deste servizo, explica a deputada socialista, ofrece “un exemplo meridiano dos efectos dos recortes do goberno galego na sanidade pública, sinaladamente para unha comarca territorialmente afastada do hospital de referencia, en Ourense”. Lembra que Medicina Interna chegou a contar con 10 profesionais, “dos que na actualidade tan só quedan 5, un deles de baixa, no servizo coa maior porcentaxe de ocupación do hospital, superando o 70 por cento”.

Ortega sinala que este é o motivo polo que a atención ordinaria do hospital se está a resentir, xa que “non se pode atender axeitadamente ás consultas externas debido á incompatibilidade cando hai que atender ás urxencias, as plantas e informar aos familiares”. Ademais, engade que “resulta difícil de xestionar dende o hospital provincial de referencia –CHUOU- que precisamente ten convocada unha folga parcial a partires de hoxe, debido entre outras cousas ao deterioro da Medicina Interna”.

A responsable socialista alerta de que a falla de persoal “deriva en que sexa inviable atender coidados paliativos, exceptuando os casos urxentes, por non falar de que impide establecer un horario fixo para pasar ás plantas nin para informar aos familiares dos pacientes ingresados”.

Apunta á “falla de dilixencia e descoordinación derivada da xestión cos criterios de área única ourensá, que non ofrecen unha xestión integrada”, cun problema acentuado neste caso coa xubilación do xefe de Servizo de Medicina Interna de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button