EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Medio cento de referencias no Túnel do viño de Monterrei en Madrid

Esta xornada, promovida por esta D.O. ourensá, está tendo como escenario a Casa de Galicia na capital española

A diversidade é unha das características especiais da Denominación de Orixe Monterrei, xa que está formada por diferentes tipos de solos, altitudes e castes de uvas. Así o destacaba o sumiller e director da “Guía de Viños e Destilados de Galicia”, Luis Paadín, no acto de presentación do “Túnel do viño” de Monterrei na mañá do 8 de setembro na Casa de Galicia en Madrid. “A D.O. de Monterrei é a máis continental das atlánticas e a máis atlántica das continentais”, engadía.

Xunto a Luis Paadín, interviñan a presidenta do CRDO Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños, a vicepresidenta da Federación Internacional de xornalistas e escritores de viño, Isabel Mijares; e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega. Así Rodríguez Zarraquiños (no que ten sido ademais o seu último acto como presidenta) aportaba unha serie de datos sobre o bo momento que vive Monterrei e aseguraba que está D.O. “deixou de ser a Cinsenta das denominacións de orixe, dado que en 2015 exportou o 15% da produción ao estranxeiro, o que supuxo un incremento do 50% en relación ao ano anterior”. Asemade compartía a súa consternación e incerteza polos incendios que asolan esta zona ourensá. “É terrible ver arder a terra, as viñas e ata o castelo, que é o noso símbolo”.

Na favorable evolución desta denominación incidía asemade Isabel Mijares. “Ata hai pouco ninguén a coñecía. Agora fálase de Monterrei. Está a adquirir a súa propia personalidade e alma. A súa propia imaxe”. Pola súa banda, o director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, manifestaba “o entrañable que me resulta este acto, pois como xa contei noutras ocasións, procedo dunha familia de viñateiros” e resaltaba que hoxendía “os viños galegos viven un gran recoñecemento. E xornadas como esta, contribúen sen dúbida a que se coñezan. É preciso que te coñezan para que te valoren, di un vello proverbio”.

Neste túnel do viño, dirixido a medios e profesionais e que se desenvolve en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,30 h.; participan unha vintena de adegas da D.O. Monterrei e poden catarse medio cento de marcas. Ademais de explicar as características e peculiaridades desta zona produtiva, neste acto tamén se amosan cepas vivas de godello e mencía, as dúas variedades principais de Monterrei, e expóñense paneis gráficos sobre a historia, clima, pluviometría e solos da D.O.

Esta actividade, na que teñen confirmada a súa participación unhas 250 persoas, compleméntase cunha mesa do sumiller, na que Alejandro Paadín (sumiller do restaurante Alborada da Coruña) dá a probar os viños da D.O. Monterrei de añadas anteriores e xa esgotadas no mercado, en concreto do período entre 2007 e 2012.

Fotos: cedidas pola Casa de Galicia en Madrid.

Artigos relacionados

Back to top button