ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Medio Rural protexe os montes de Melón e Carballeda de Avia tras os lumes

Segundo os datos achegados pola Consellería, levan protexidas preto de 200 hectáreas de monte en todo o territorio galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou hoxe, 21 de novembro, unha visita ao concello de Melón para comprobar a evolución dos traballos de recuperación tras os lumes deste ano. Segundo o balance feito sobre o territorio, dende a Xunta sinalan que levan protexidas preto de 200 hectáreas de monte a través dos traballos de mulching, tanto de xeito manual como en helicóptero naquelas zonas máis inaccesibles.

O lume de Melón foi o máis grande da provincia de Ourense (5.965 hectáreas) e afectou tamén a outros concellos como o de Carballeda de Avia.

Ata alí foi onde se trasladou a conselleira, en compañía da delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e os alcaldes de Carballeda de Avia e de Melón. Así, en Carballeda de Avia, están a realizarse labores preventivos de erosión, con esparexido manual de palla e a construción de bancais de pedra e colocación de barreiras en zonas con posible arrastre de terreo na proximidade de camiños e viarios.

Xa en Covelo, no municipio de Melón, se está tratando a vexetación queimada que non ten carácter comercial. Neste caso están a triturarse os pés e xa se leva traballado en dúas hectáreas. En Vivenzo e Tourón, tamén se están a realizar labores contra a erosión, con esparexido manual de palla e elaboración de bancais de pedra en zonas con cárcavas. Hai tamén unha brigada realizando curta e picado de pés non madeirables dalgunhas zonas, para facilitar o posterior esparexido de palla. Ademais, estase á espera de iniciar o helimulching en puntos de difícil acceso con fortes pendentes.

Dende a Consellería do Medio Rural aseguran que levan actuado sobre outros 7.000 metros lineais a través de accións como a instalación de barreiras e a reparación de cunetas. No primeiro dos casos, como sinalou Ángeles Vázquez, “trátase de colocar obstáculos para que o arrastre de que se están levando a cabo por toda Galicia como a reposición de infraestruturas, o aproveitamento de madeira e traballos para a conservación da sanidade vexetal”.

Unha vez rematada a vaga de lumes, a Xunta comezou cos traballos de protección do territorio. Sinalan que os primeiros pasos consistiron en estudar cada lume e a afección de xeito individualizado para actuar de xeito específico en cada lugar para ser máis efectivos. Así, hai dúas semanas comezaron co esparexemento de palla en determinadas zonas como o concello das Neves. Nestas intervencións estanse priorizando os 32 lumes que este ano superaron as 300 hectáreas. En cada un deles está previsto actuar entre un 10 e 15% do territorio, sempre baixo indicacións técnicas dos especialistas.

Estas accións lévanse a cabo cun orzamento de 7 millóns de euros de Medio Rural que executarán en dúas fases (3 millóns no 2017 e outros 4 no 2018), tal e como explicou a conselleira: “Ata finais de ano desenvolveremos esta primeira fase de consolidación dos solos, reparación de infraestruturas e tratamento da madeira, tamén no que se refire á sanidade”.

A estes traballos hai que sumar tamén as accións que Medio Ambiente desenvolve nas zonas dos Ancares e o Xurés e Mar na costa. Ángeles Vázquez destacou a importancia da coordinación á hora de planificar as accións. “Temos que ir da man do resto das administracións -en referencia aos concellos- para que isto non volva suceder e agora traballar todos xuntos”, sinalou.

Avanzar na lexislación

A conselleira do Medio Rural incidiu na importancia de avanzar na lexislación para evitar que desastres deste calibre volvan a ocorrer. “Temos que amparar á xente que vive no rural con cambios nas normas como as que se debateron onte no Parlamento que facilitarán o traballo de concellos e Xunta”, declarou Ángeles Vázquez, que a continuación tamén visitou o viveiro forestal que a empresa Tragsa ten en Maceda.

Nesta parcela de aproximadamente 10 hectáreas, que nun 40% se adican a ensaios con distintas especies, Tragsa produce plantas de calidade e trata de mellorar e conservar os  recursos xenéticos forestais. Nestas instalacións traballa un equipo multidisciplinar de 20 persoas, entre persoal técnico, administrativo, laboratorio e produción.

Artigos relacionados

Back to top button