ConcellosÚltima hora

Meisa iniciará un novo procedemento de licitación da xestión da estación de Manzaneda

Así o vén de anunciar tras coñecerse unha sentenza que anula a adxudicación do contrato a Artabria Turismo

Estación de Montaña de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense vén de anular a adxudicación do contrato da xestión da Estación de Montaña de Manzaneda á empresa Artabria Turismo no 2020.

Ante a sentenza dende Meisa asegúrase que a mesma “é recurrible” e que se trata “dun suposto erro formal, pero non se censura o procedemento de contratación empregado nin se entra a valorar a capacidade da empresa que presta actualmente o servizo”. Ademais anúnciase que Meisa “vai iniciar o novo procedemento de licitación para poder adxudicar o servizo a través dun procedemento aberto, tal e como estaba previsto”.

Valoracións políticas

O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, fai unha primeira valoración da sentenza contra a adxudicación do contrato para a xestión da estación de montaña de Manzaneda a Artabria, considerándoa “demoledora contra o modelo de contratación da Xunta de Galiza e Deputación de Ourense”. “Esta falta de licitación transparente”, indica o voceiro nacionalista, “xa fora posta en evidencia en reiterados debates en comisións e sesións plenarias tanto da Deputación provincial de Ourense, como no Parlamento de Galiza”.

Ademais, a deputada Noa Presas demandará responsabilidades á Xunta de Galiza no Parlamento galego, onde xa en anteriores ocasións levara esta situación. “A Xunta conta co 49,65 % das accións de MEISA polo que debe dar explicacións e asumir responsabilidades pola fraude na xestión dos recursos públicos dos galegos”, dicía Presas.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE reclama “a demisión en bloque do consello de administración de Meisa, a sociedade que goberna Manzaneda, trala demoledora sentenza”. Tamén adianta que estuda “medidas e iniciativas contra os responsables da Xunta e da Deputación Provincial que adxudicaron a xestión a dedo, saltándose absolutamente todos os trámites da lei”.

Os socialistas entenden que “a decisión do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ourense que ratifica a vulneración dos principios de concorrencia e non discriminación, ao elixir a unha empresa a dedo e sen publicidade, é unha mostra máis do nepotismo e a falta de transparencia coas que o PP usa os cartos públicos”.

O deputado provincial socialista Aurentino Alonso di que “levamos moitos anos pedindo un plan para Manzaneda, transparencia na súa xestión e acceso a todos contratos”, pero “nunca se nos permitiu ver a documentación”.

Artigos relacionados

Back to top button