ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Melloras na Aula da Natureza de Río e no lavadoiro do Camiño da Torre Vella

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Xosé Miguel Pérez, a Aula da Natureza de San Xoán de Río, que está sendo reformada ao abeiro das axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais ás que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou 16.614 euros. A continuación, tamén visitaron o lavadoiro do Camiño da Torre Vella onde se desenvolverán actuacións de reforma por un importe de 13.529 euros dentro da liña II desta mesma orde de axudas.

Na provincia de Ourense, 15 concellos resultaron beneficiarios, por un importe de preto 300.000 euros na primeira das liñas de axudas. Polo que respecta ás axudas a particulares, foron 195 as actuacións concedidas, por un importe de algo máis de 500.000 euros en 59 localidades. En total, na provincia de Ourense concedéronse máis de 800.000€.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego concedeu este ano en toda a Comunidade máis de mil axudas a cidadáns e concellos, o dobre que en 2021; precisamente a boa acollida da convocatoria permitiu incrementar o financiamento previsto. Así, no caso dos particulares ampliouse o orzamento inicial de 1 M€ ata os 2,8 M€ e, no que respecta aos concellos, pasouse de 600.000 euros a 800.000 euros. De feito, a Consellería vén de ampliar nun mes o prazo para que os propietarios beneficiarios poidan xustificar a actuación realizada, concretamente, ata o 31 de outubro.

Actuacións San Xoán de Río

Na Aula da Natureza de San Xoán de Río os traballos consisten na renovación da cubrición de cuberta, previa retirada do entaboado de madeira existente e da tella. Proponse a renovación da estrutura de madeira de soporte e a adición dun novo entaboado e subestrutura para a formación do beirado con pontóns de madeira dispostos cada 50cm, sobre o que se colocará tella cerámica curva. Ademais, incorpóranse canles e baixantes de cobre de sección circular para a evacuación das augas pluviais.

En canto ao lavadoiro do Camiño da Torre Vella, actuarase nas escaleiras realizadas en formigón sen revestir e que se atopa xunto a un muro de contención realizado en cachotería granítica, que presenta manchas e xuntas deterioradas. Os traballos consistirán na limpeza do muro e o posterior rexuntado con morteiro de cemento. Levarase a cabo a limpeza e rehabilitación do vaso do lavadoiro e a pavimentación da contorna con lousa rectangular abuxardada de 60x40cm. Tamén se procederá ao revestimento da xardineira existente con listóns de madeira termotratada.

Subvencións a concellos

No caso dos concellos, estas axudas teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos tanto en edificios de titularidade municipal como en certos equipamentos de titularidade municipal.
A contía máxima de axuda fixouse no 70% do orzamento do investimento subvencionable cun límite máximo de 40.000 euros por concello.

Cómpre salientar que estas subvencións contan con dúas liñas de axudas. Na Liña I actúase en edificios ou dependencias destinados á prestación de servizos municipais financiando a renovación do acabado exterior das fachadas, o remate ou renovación do acabado exterior das cubertas, e o revestimento ou renovación de muros de cerramento de predios.

Na Liña II fináncianse tanto actuacións de índole menor -fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos- como melloras noutras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos.

Na convocatoria deste ano, ao abeiro da cal se concederon en Galicia 53 subvencións a 42 municipios, simplificáronse os trámites, reduciuse a documentación a presentar e introducíronse novidades técnicas co fin de ampliar o ámbito das actuacións subvencionables e de gañar en eficacia e eficiencia.

Axudas a particulares

No que atinxe aos particulares, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) atendeu as solicitudes de 1.025 beneficiarios no conxunto da Comunidade. As axudas fináncianse integramente con fondos propios da Xunta, sendo subvencionable en cada solicitude o 70% do orzamento previsto, cun límite máximo de 3.000 euros por beneficiario e ben.

Son obxecto de subvención actuacións como o revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedar á vista; a renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpinterías ou cerrallarías exteriores; o remate ou renovación do acabado exterior de cubertas; o revestimento de muros de cerramento de fincas realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir, e a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais.

 

Artigos relacionados

Back to top button