CarballedaConcellosÚltima hora

Melloras na seguridade viaria na intersección da OU-122 en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras)

A actuación suporá un investimento autonómico de case 50.000 € e comezará nas vindeiras semanas

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mellorará a seguridade viaria na intersección da estrada autonómica OU-122 en Viladequinta, no concello de Carballeda de Valdeorras. A actuación suporá un investimento autonómico de case 50.000 euros e comezará nas vindeiras semanas. Os traballos foron adxudicados á empresa Extraco Construccións e Proxectos, S.A.

Con esta intervención mellorarase a seguridade viaria do treito da OU-122 comprendido entre o punto quilométrico 5+190 e o 5+550, mediante a construción dunha intersección de cambio de sentido na marxe dereita da vía autonómica á altura do punto 5+300.

Esta intersección permitirá que os vehículos que discorran polo treito comprendido entre os núcleos de Viladequinta e O Trigal poidan realizar a manobra de cambio de sentido en condicións seguras.

Actualmente, ao comezo deste treito, a estrada conta con dous carrís de 3,50 metros de anchura e beiravías de 1,20 metros, iniciándose, no contorno do punto quilométrico 5+300 un terceiro carril para vehículos lentos.

Máis en detalle, mediante as obras obxecto deste contrato aproveitarase a anchura total da calzada para crear un carril central de espera, e ampliarase a plataforma actual da estrada cara á marxe dereita, mantendo a rasante e dando continuidade á rodadura existente, para executar a intersección con todos os seus elementos.

O carril central de espera terá 3 metros de ancho, con cuñas de transición de entrada e saída de 60 metros de lonxitude e unha zona de almacenamento e espera de 15 metros de lonxitude.

O carril de xiro consistirá nun semianel de 6 metros de anchura, situado entre dúas cuñas de aceleración e deceleración de 60 metros de lonxitude cada unha. O semianel terá unha beiravía de 1,50 metros delimitada por un bordo remontable.

Unha vez superada a intersección, iniciarase un carril para vehículos rápidos, cambiando o carril de vehículos lentos actual, para o que que se disporá unha cuña de transición de 60 metros.

A Xunta segue traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas vías cómodas e seguras.

Artigos relacionados

Back to top button