O Consello Regulador da D.O. Ribeiro recibiu esta semana a visita dunha delegación de profesionais, divulgadores e entusiastas do viño chegados de Países Baixos. Participaron nela un total de 31 expertos, entre os que se atopaban profesores especializados en viño, tendas especializadas, restaurantes, organizadores de catas, catadoras e amantes do mundo do viño, todos pertencentes á Academia Holandesa do Viño (Dutch Wine Academy).
O Consello Regulador impartía para eles unha presentación sobre a D.O. Ribeiro e, posteriormente ofrecíalles un completo túnel de viños con máis de 20 referencias, entre as que se atopaban brancos, tintos e tostados.
“Puideron coñecer viños elaborados por adegas pequenas, medianas e grandes, descubrindo viños monovarietais de diferentes variedades de uva, plurivarietais e algunhas elaboracións especiais, así como viños envellecidos en botella, para que aprecien a boa evolución que teñen”, comenta a presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias. “Esperamos que esta acción lles achegue unha visión completa de todo o que conforma a D.O. Ribeiro, xa que, aínda que sexa predominante, non só existe o viño branco, se non que temos elaboracións complexas, así como viños tintos, tostados e espumosos que non deixan indiferente a ninguén”, engade Iglesias.
