EntrevistasÚltima horaVídeos

Mercedes Martínez Modroño: “Penso que se vive un pequeno rexurdimento da poesía, pero da poesía oral”

Esta coruñesa que vive dende o 1999 na Ribeira Sacra ourensá vén de publicar o seu primeiro poemario "A falta dun Edén, a terra"

Mercedes Martínez recitando na presentación do seu primeiro poemario en Castro Caldelas.

 

O 23 de setembro, en plena vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, remataba a impresión do primeiro poemario de Mercedes Martínez Modroño, A falta dun Edén, a terra (Chan da Pólvora Editora e Amastra-n-gallar). “É un dos momentos máis bonitos do ano na Ribeira, estaba isto cheo de xente, e o libro veu a ser un froito máis deste ano, xunto coas uvas. Gústame velo así como unha colleita”, di a autora, nacida na Coruña en 1968 pero que reside dende 1999 na vertente ourensá da Ribeira Sacra. Unha colleita resultado deses 23 anos que leva vivindo neste territorio.

Aínda que é pedagoga de formación, nos últimos anos traballou no campo da comunicación turística, froito do cal no 2014 publicaba Viaxe desde os cantís á memoria. Guía libre para entender Parada de Sil. Ademais de colaborar en medios de comunicación, dende 2021 forma parte do dúo Versonía, que combina música e poesía. Parte das composicións que recita ao vivo forman parte de A falta dun Edén, a terra, que se presentaba o 7 de outubro no Castelo de Castro Caldelas cunha gran acollida.

Martínez Madroño define este poemario como “un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. Un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística”.

– ¿Como xurde este libro de poesía?

Vén a ser un poemario da vida que eu na Ribeira Sacra dende o ano 1999. Son poemas escritos ao longo dos anos sobre como se vive a cultura da ribeira dende dentro, do que é aquí o día a día, algo que moitas veces non se percibe dende fóra. Pero tamén hai poemas máis líricos, máis universais, que en realidade poderían estar escritos en calquera sitio.

– ¿Como se reflexa nesta obra a relación coa natureza no marco da aldea?

O poemario ten 4 partes, a primeira das cales se denomina “De onde sae tanta formiga” e nela abórdase a aldea e os seus traballo. “Sereas varadas na carballeira” é o título da segunda parte, un pouco máis fantasiosa e con poemas máis imaxinativos. E a terceira parte, “Estraperlo do paraíso”, da que toma o título o libro, empeza cunha cita dunha rapeira londinense que se chama Kate Tempest e que di “este é o paraíso, agora ponte a sementar ou non vas coller nada”. Esa é a idea, é unha celebración da aldea real, a da natureza a dos traballos e a que é a vida real cos seus altos e baixos.

E logo hai unha parte final que é “Terra mimosa” que achega esa visión da natureza dende o punto de vista agrario, unha natureza ao mesmo tempo salvaxe pero fortemente humanizada. A Ribeira é un territorio absolutamente humanizado, todos estes bosques frondosos que se ven dende a estrada, hai 50 anos eran lameiros, ou hortas.

 

 

– ¿ Como mudou o concepto de aldea nestes anos?

Estase convertindo case nun privilexio estar na aldea e dende a vivencia da pandemia aínda máis porque decatámonos de que realmente somos privilexiados. O problema agora é que estamos vendo unha especie de inversión, a traballar a terra, que antes case era a última opción, hoxe case resulta unha afección para privilexiados.

Cando lle digo á xente que podo permitirme ter unha horta e comer dela, pois non se me ve como alguén que se ten que sacrificar senón como unha privilexiada. Iso mudou e veremos como se artella aquí o tema da xente que está chegando. Estamos tendo unha fervenza de xente nova na Ribeira e comeza a haber problemas pola falta de vivenda dispoñible para eles.

O léxico propio da Ribeira Sacra, ¿tamén se recolle nos poemas?

Uso galego normativo pero respecto moitísimo o léxico desta zona, a fala de aquí. O libro ábrese cun poema en prosa longo que se chama “Tarefas” no que se citan as tarefas que eu fixen moitas veces: teño horta, viñas e abellas… E, si, utilizo as palabras de aquí, pode que haxa xente non as vai a entender, pero pódense comprender polo contexto. Na Ribeira temos unha gran riqueza léxica, algo incrible.

Está, por exemplo, toda a terminoloxía agrícola que está desaparecendo, como cando se di “apañar leitugas dos lameiros para os marraus”, que son unhas herba que aquí a xente coñece así. Todo ese vocabulario que se necesitaba e que calquera que se adique aquí á agricultura coñece, aparece no libro: podar, chapitar, engazar… Son palabras que están desaparecendo porque deixan de ter uso, pero trátase dun patrimonio inmaterial que temos que manter si.

 

 

 

– ¿Que supón para vostede escribir poesía nun contexto como o actual?

Penso que se vive un pequeno rexurdimento da poesía, pero da poesía oral, a expresión máis escandolosa e máis multitudinaria diso son estas batallas de galos dos rapaces, ese rap combativo e demais. Eu tamén recito estes poemas e moitas veces a xente cóntame que nunca le poesía, pero que lle gusta escoitar como a recito. Hoxe hai moita xente recitando e recitando moi ben, agora mesmo en outubro vai ser a final do Poetry Slam estatal en Santiago e nelas participa moita xente recitado de poemas propios. Eu teño agora 54 anos e eu isto non o acordo cando era moza, entón, son outras canles.

É verdade a presenza dos libros de poesía nas librerías é escasa, pero aí está este outro rexurdimento e penso que temos que achegar á poesía á xente. Neste senso hai que ser optimista, ao cabo é un formato que a min ábreme esperanza. Existen eventos multitudinarios onde se busca unha boa rima, unha boa cadencia na declamación, e todo en sílabas contadas, con métrica…

Sempre que me invitan, vou a recitar porque para os que recitamos supón unha experiencia de conexión co público que non ten nada que ver con publicar, cando len os teus poemas ti non ves a cara do lector.

¿Que acollida tivo o libro na presentación de Castro Caldelas?

O acto foi unha marabilla a verdade, o público acolleuno moi ben. Había tamén xente que xa coñecía algúns dos poemas porque teñen música, Temos previstas presentacións en Compostela, en Sober, en Vilagarcía, en Coruña… e ás presentacións levo viño do que elaboro eu, que é ecolóxico, entón aproveito para dar a cata de viño de autora. Son poemas que se escoitan se saborean e se olen. O viño tamén é obra, así entendido.

Tras este poemario, ¿vai seguir escribindo poesía?

Para min escribir é máis ben unha necesidade de comunicar e, cando publicas, resulta unha necesidade colmada. Non escribo para min, que tamén, pero creo que se necesita sacar iso e  sometelo ao xuízo do público. Estou con outras cousas e iremos pouco a pouco.

Texto: A.R.

Fotos cedidas

Un dos poemas incluídos no libro, recitados pola autora.

 

Artigos relacionados

Back to top button