En portadaSanidadeÚltima hora

Milleiros de persoas percorren Verín en defensa da sanidade pública

Unhas 20.000 persoas, segundo Protección Civil deste municipio, participaban na manifestación que partía ás 17h. dende o hospital

 

Clamor da veciñanza da comarca de Monterrei e doutras da provincia en defensa da sanidade pública. Milleiros de persoas tomaban as rúas de Verín na tarde deste 30 de novembro nunha manifestación que se iniciaba no seu hospital cunha aperta simbólica a este centro sanitario e que amosaba o rexeitamento de medidas como peche do paritorio. Protección Civil de Verín cifraba nuns 20.000 os asistentes que berraban consignas como “No rural queremos hospital” nun traxecto que finalizaba na praza Maior coa lectura dun manifesto.

“Veu xente de toda a comarca de Monterrei, tamén de Ourense e de concellos coo Allariz, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Valdeorras…”, aseguraba o rexedor de Verín, Gerardo Seoane. Entre os participantes na marcha había alcaldes e concelleiros de diversos puntos da provincia, ademais de representantes de forzas políticas  como o PSdeG-PSOE, BNG, En Marea e Esquerda Unida, que amosaban o seu apoio a este multitudinario acto reivinicativo. Tamén acudía unha representación da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, que se reactivaba hai apenas uns días.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, aseguraba que o peche do paritorio parte dunha “decisión política” que se evitaría se houbese compromiso de “destinar os recursos necesarios para manter o servizo”. Tamén sinalou que o partido socialista sempre dixo que a supresión das áreas sanitarias alleas ás cidades traería consigo “máis recortes. E o tempo dános a razón”, lamentou, ao tempo que advertiu de que medidas deste tipo “incrementan a desigualdade da cidadanía en función de onde viva” e afondan na perda de poboación.

 

 

O voceiro de En Marea, Luís Villares, que estaba acompañado polo deputado Davide Rodríguez, indicaba minutos antes de comezar a manifestación que é unha “irresponsabilidade política pechar servizos para a cidadanía mentres se perdoan impostos ás grandes fortunas”. Villares considera que o peche “do paritorio de Verín é un símbolo do maltrato ás mulleres do rural e do estrangulamento das posibilidades para todo o interiore da provinicia de Ourense”.

Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, manifestaba que “estamos en Verín para manifestarnos en contra do desmantelamento do Hospital Comarcal, non só polo peche do paritorio”. E engadía que tamén que hai outros servizos comprometidos, “como paliativos e medicina interna e que todo isto forma parte do desmantelamento do Hospital de Verín e do recorte de servizos públicos no rural que o goberno do PP está a acometer”.

Dende o BNG, a deputada ourensá Noa Presas cualificaba de “espectacular a manifestación” ao termo da mesma e manifestaba os seus parabéns á comarca de Monterrei, “penso que foi a máis numerosa dos últimos anos”. Ademais insistía en que “a Consellería de Sanidade ten que rectificar, algo que esixiremos no Parlamento na vindeira semana, ten que escoitar a voz do pobo”. Indicaba ademais que o “peche do servizo do paritorio responde á liña de traballo de Feijóo” e tamén “a un problema de organización para atraer pediatras. Non se pode seguir coa mesma política laboral”. Presas incidía en que o BNG está “absolutamente en contra desta decisión e esiximos que sexa rectificada e tamén que se asuman responsabilidades pola mesma”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button