
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, supervisou na mañá de hoxe, 6 de novembro, o inicio dos traballos de estabilización do chan e de retención de sedimentos nas zonas afectadas polos incendios de outubro no Parque Natural de Baixa-Limia Serra do Xurés e na Reserva Natural dos Ancares, aos que a Xunta de Galicia destina máis dun millón de euros.
A directora xeral indicou que unha boa parte da superficie afectada “atópase en terreos de alta montaña co elevadas pendentes, polo que os traballos terán como finalidade evitar o arrastre do chan e outros restos aos cursos de auga que discorren na vaguadas”.
Nese senso, dixo que os traballos a realizar teñen o obxectivo de estabilizar o chan e favorecer a infiltración, limitar a escorrentía e reducir a chegada de sedimentos as canles contribuíndo o impacto na calidade da auga. En concreto, as actuacións faranse mediante o acolchado con mantas orgánicas de fibra de coco e o acolchado con palla de cereal.
No caso dos traballos de retención de sedimentos, construiranse barreiras de malla biodegradable de coco e palla e de biomasa forestal , nas zonas de curva instalarase este tipo de barreiras ancoradas ao chan mediante estacas e, no caso de ser necesario, estudarase a posibilidade de empregar materiais como pedras para evitar as escorrentías.
Por último, a revexetación destas zonas farase mediante o sementado manual en noiros con risco evidente de desestabilización, e de hidrosembrado en zonas de especial sensibilidade para os efectos erosivos. No caso da Reserva Natural dos Ancares tamén se procederá á limpeza de foxos , infraestruturas de drenaxe e canles por medios manuais, coa finalidade de que as augas discorran de xeito natural, evitando a formación de novos arroios que poidan provocan arrastres prexudiciais para o medio natural.