É unha tradición que malia o paso do tempo, os veciños de Mormentelos e Castiñeira (Vilariño de Conso) manteñen viva e renovan cada ano ano. Durante o Entroido unha destas aldeas visita co seu fulión e Boteiros a outra, un xesto que lle será devolto no seguinte ano polo pobo anfitrión.
Desta volta era Mormentelos quen se achegaba ata Castiñeira na noite do Luns de Entroido, cumprindo co ritual. Tras a entrada en verso dun Boteiro e dúas integrantes do fulión visitante para solicitar o permiso para tocar, os representantes de Castiñeira concedíanllo.
Os Boteiros movían deseguido as chocas e iniciábase unha ronda pola localidade, encabezada por unha elegante comparsa feminina, e marcada polas danzas dos Boteira. Finalizaba cunha cea ofrecida polos anfitrións. Tras ela, tiña lugar unha nova representación en verso e comezaban os brindes entre mozos e mozas das dúas aldeas ata a madrugada.
Fotos: Carlos G. Hervella.