DeportesPiraguismoÚltima hora

Muíños, sede este domingo do galego de inverno de piragüismo de novas promesas

Neste campionato participarán 41 clubes galegos, celebrarase nas categorías infantil e cadete nas modalidades de K-1, C-1 e paracanoe

Publicidade

 

Muíños será escenario o vindeiro domingo, día 27 de marzo, do campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas. Á presentación da proba, celebrada esta mañá no Pazo Provincial en Ourense, asistiron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP), Fredi Bea e o xefe de servizos de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez.

Manuel Baltar remarcaba na presentación que “esta é unha disciplina de pasado, presente e futuro. Ourense non so é un territorio de deporte senón que tamén é o mellor conectado de Galicia. E isto repercute a todos os niveis”. O presidente da Deputación lembrou a fonda aposta da Deputación neste eido: “No seu momento foi unha aposta intuitiva, sabedora das nosas posibilidades de éxito. E con estas iniciativas estamos reforzando esta imaxe de provincia como sinónimo de deporte. Ademais, nun enclave, Muíños, que é perfecto para estas cuestións”.

Plácido Álvarez destacou a importancia que ten para Muíños organizar estas competicións. “Estes eventos no rural son vitais, teñen un retorno económico moi importante para toda a comarca da Baixa Limia”. O alcalde agradeceu a cooperación da Federación Galega de Piragüismo, Xunta de Galicia e Deputación de Ourense.

O presidente da FGP, Alfredo Bea, destacou a colaboración da Deputación -“incrementada este ano para que Ourense siga crecendo no panorama do piragüismo”- e lembrou o potencial da provincia: “Ourense ten as mellores láminas de auga de España, por non dicir de Europa”. Pola súa banda, Manuel Pérez aplaudiu a cooperación interadministrativa entre concellos da provincia, Deputación e Xunta para desenrolar estas competicións deportivas.

A cita do domingo, en horario de mañá e tarde, suma 625 rapaces inscritos de 41 clubes galegos diferentes, en categorías infantil e cadete nas modalidades de K-1, C-1 e paracanoe. O inicio da competición está previsto para as 10,00 horas e o peche sobre ás 19,30 horas. Pola mañá será a quenda das categorías infantil, que competirán en embarcacións individuais sobre unha distancia de 3.000 metros. E pola tarde, os cadetes nun trazado de 5.000 metros.

Campionato galego de barcos de equipo

Ademais, esta mañá presentouse no Pazo Provincial o campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas en barcos de equipo, en categoría infantil e cadete. A competición celebrarase tamén en Muíños, o vindeiro sábado 9 de abril en horario de mañá. Espérase unha participación duns 500 rapaces de toda Galicia. Os infantís competirán en embarcacións dobres sobre unha distancia de 3.000 metros e os cadetes, sobre 5.000. “Reunir a 1.100 rapaces en estas dúas probas non é un milagre senón o froito do traballo do Concello de Muíños na súa alianza coa Federación Galega de Piragüismo e, por suposto, co apoio da Deputación de Ourense”, conclúe Manuel Baltar.

Artigos relacionados

Back to top button