SanidadeÚltima hora

Nace a Academia Asomega que dirixirá o oncólogo valdeorrés Rafael López

Será o órgano consultivo externo da Asociación de Médicos Galegos, que preside o trivés Julio Ancochea

O oncólogo vilamartinés Rafael López, xunto ao presidente de Asomega, o trivés Julio Ancochea./ Foto: Asomega.

 

A xunta directiva da Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside o neumólogo trivés Julio Ancochea, abordaba na súa última reunión “cuestións centrais para o futuro” da entidade que se encadran dentro do proxecto “Impulso Vinteún”. Unha delas era a comunicación á Xunta das características definitorias de Academia Asomega, o comité científico externo que xa vai botar a andar.

A Academia Asomega é o órgano consultivo externo para a presidencia, a xunta directiva e o comité científico de Asomega, tal e como o definía o presidente desta asociación, Julio Ancochea. O seu fin: definir os “proxectos estratéxicos”, a “visión” e “as relacións coas institucións” da asociación. “As persoas que conformen este grupo deben ter un perfil segundo o cal demostren un carisma, talento e galleguidade que as cualifiquen para ter acceso a ámbitos tanto académicos como institucionais”, engadía.

Con esta idea en mente, o doutor Ancochea propuxo o nome do valdeorrés Rafael López, xefe de Servizo de Oncoloxía médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), para dirixir este órgano, e o de Bartolomeu Burguera, presidente do Instituto de Endocrinoloxía e Metabolismo da Cleveland Clinic, como integrante. O voto unánime de todos os membros da xunta á proposta de Julio Ancochea facultou ao presidente para facerlles o ofrecemento formal. A adhesión ao proxecto por parte de ambos foi inmediata e entusiasta.

Entre as funcións de Academia Asomega estarán as de orientar no trazado das liñas estratéxicas a medio e longo prazo da asociación, servir de órgano consultivo, fortalecer as relacións de Asomega con institucións e entidades para o mellor desenvolvemento dos seus fins e actuar como Comité Científico externo. Para todo iso celebrará xunta polo menos dúas veces ao ano, unha delas coincidente coa reunión do Consello de Protectores da Asociación.

Artigos relacionados

Back to top button