OurenseÚltima hora

Nicolás Echevarría e María Xosé Queizán recollen no marco do OUFF os “Velianos de Honra” da Fundación Carlos Velo

 

O Festival de Cine de Ourense acolleu esta tarde-noite o acto de entrega dos “Velianos de Honra” que a Fundación Carlos Velo lle outorgou a Nicolás Echevarría e María Xosé Queizán. “A fundación, garante da memoria, do legado e do espírito do intelectual e cineasta Carlos Velo (Cartelle, Ourense, 1909 – Cidade de México, 1988), instituíu o Veliano de Honra para recoñecer a aquelas persoas que comparten querencia e respecto polo persoeiro, e mesmo formaron parte da súa propia memoria profesional nos espectros da docencia, do servizo público a na profesión audiovisual engadindo a quen, desde a investigación, aportan reflexión e nova luz ao redor do seu multidisciplinar labor”, declarou Carmen Leyte, a presidenta da Fundación Carlos Velo.

É por iso que neste 2022 acordaron concederlle o Veliano de Honra a Nicolás Echevarría e a María Xosé Queizán, por unanimidade, para que pasasen a ser, deste xeito, uns dos “cualificados garantes das esencias velianas da fundación” e, no caso de Nicolás Echevarría, “galego de adopción na terra que alumeou ao patrón”.

O profesor e xornalista Xosé Ramón Pousa foi o encargado de ler un laudatio no que destacou a intensa obra e a vida dedicada á creación dos dous premiados, que “representan dúas concepcións dun mesmo discurso ao ser creadores de fondo, de xeracións distintas, con personalidades marcadas, separados polo Atlántico pero unidos por unha mesma vocación: contar historias coa palabra ou a imaxe”.

Acto seguido, tanto Echevarría como Queizán recolleron unha peza levada a cabo por Acisclo Manzano e un diploma acreditativo antes do comezo da proxección da cinta Enviado especial, de Carlos Velo, que levaba trinta anos desaparecida ata que Roberto López Márquez -asistente do propio Carlos Velo- lle fixo saber á Fundación da súa existencia.

María Xosé Queizán aproveitou a ocasión para lembrar a súa amizade con Carlos Velo. “Coñecino en México e, cando nos vimos en Vigo máis adiante e nos coñecimos máis puiden ter con el algunha das conversas máis agradables da miña vida. Creo que Velo nunca esqueceu Galicia e tivo unha grande importancia sempre ao seu redor, tanto Galicia para el como Velo para nós”.

Nicolás Echevarría, pola súa banda, tamén contou como foi o seu primeiro encontro con Velo, narrando que “al ser joven y vivir en Nueva York, iba mucho al MOMA a ver películas después de trabajar. A raíz de esto, formé un grupo con amigos latinos que me animaron a dedicarme al cine, uno de ellos incluso me regaló una pequeña cámara y un poco de material. Por casualidad, vi en una revista la celebración de una Semana Santa de la zona de la que yo provenía, así que decidí volver y hacer mi primera película”, para continuar dicindo que, “después de que Velo la viese, me dio mi primer trabajo como fotógrafo. Le debo a él haber iniciado mi carrera, y lo mismo le sucede a una gran generación de jóvenes de ese momento que siempre estuvimos apoyados por él”.

Nicolás Echevarría: biografía e ciclo que lle dedica o OUFF

En 1991 filmou Cabeza de Vaca, a súa primeira longametraxe de acción, escrita en colaboración con Guillermo Sheridan, baseado en Naufraxios, libro de crónicas escrito por Alvar Núñez Cabeza de Vaca, merecéndolle ser finalista de novo ao Ariel na categoría de Mellor Ópera Prima. A cinta, que tamén terá o seu pase en Ourense, representou a México no Festival de Berlín e nos Premios da Academia de Hollywood; formou parte de New Films, New Directors do Museo de Arte Moderna de Nova York (MOMA) e gañou o primeiro premio Makhila d’Or, no Festival de Biarritz, Francia, así como o premio como Mellor Película na Mostra de Cinema, en Guadalaxara.

O Festival Internacional de Cine de Ourense proxecta nesta edición algúns dos seus filmes como Teshuinada, Semana Santa Tarahumara (1979), polo que foi recoñecido pola Academia Mexicana de Artes e Ciencias Cinematográficas co Ariel de Plata ao Mellor Documental. Tamén se poderá ver neste OUFF Poetas campesinos (1980) e Niño Fidencio, el taumaturgo de Espinazo (1981), que supuxeron que fose finalista en diversas categorías dos mesmos premios; e María Sabina, Mujer Espíritu (1979), que se atopa enmarcado nos seus primeiros documentais relacionados co mundo indíxena.

Como broche final do ciclo pasarase nestes días finais de festival Eco de la Montaña (2014), que inaugurou a sección oficial Native no Festival de Berlín e gañou o Premio como Mellor Documental nos festivais: Chicago International Film Festival; Festival Internacional de Cinema de Lima; RAI International Festival of Ethnographic Films, Watershed, Bristol; Film Festival della Lessina, Italia; Festival Internacional de Cinema en Guadalaxara e Docs DF.

Alén disto, Echevarría ostenta o Premio Nacional de Ciencias e Artes de México na categoría de Bellas Artes (2017) e actualmente rexenta o posto de presidente do taller “Carlos Velo – UNAM”, que a Universidade Autónoma de México puxo en marcha en colaboración co OUFF e a Fundación Carlos Velo coa finalidade de apoiar a novos realizadores españoles e mexicanos que levasen a cabo obras de non ficción.

María Xosé Queizán: biografía

Escritora, catedrática de lingua e literatura galega e figura relevante no movemento feminista. Pertence á primeira prooción de licenciados en Galego-Portugués (1987) pola USC e exerceu como profesora de Lingua Galega e Literatura nos institutos de Vigo.

De vocación temperá, encetou a súa carreira como escritora publicando artigos en El Pueblo Gallego cando aínda era adolescente. Tamén comezou axiña a súa relación coa escena, participando en obras de teatro e creando, en 1959, o Teatro de Arte e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo, e promovendo e dirixindo o Teatro Popular Galego nos anos 1967 e 1968. O seu labor como escritora diversifícase en todos os xéneros e estilos e tamén é tradutora. Os seus ensaios feministas tratan temas tan controvertidos como a colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade biolóxica e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica.

Entre a súa ampla obra literaria figuran títulos como A orella no buraco (1965), Amantia (1984), Despertar das amantes (1993), Fóra de min (1994), O solpor da cupletista (1995), Catro poemas a Rosalía (1997), ¡Sentinela alerta! (2002), A boneca de Blanco Amor (2014), Son noxento (2015) ou Lesbiar (2015). Forman partos dos seus ensaios obras como A muller en Galicia (1977), Recuperemos as mans (1980), Misoxinia e racismo na obra de Pondal (1998), Rosalía de Castro e o poder sexual (2017), Vivir a galope (2018) e Despoxos e vísceras ilustres (2020), entre outras. É autora de pezas teatrais, títulos de literatura infanto-xuvenil e de guións cinematográficos. Ten traducido obras de Marguerite Yourcenar, Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlotte Perkins Gilman. Creou en 1983 a revista Festa da palabra silenciada, feita só por mulleres.

Artigos relacionados

Back to top button