OurenseÚltima hora

Loles León e “O Corno”, protagonistas dunha gala de clausura do OUFF que homenaxea á historia do cine galego

 

A historia do cinema galego representouse onte no Auditorio Municipal de Ourense, na Gala de Clausura do Ourense Film Festival (OUFF) que pechou a súa 28º edición despois de 10 días cunha programación chea de cinema. Loles León, Calpurnia de Honra desta 28º edición de festival, lembrou o seu papel en Sempre Xonxa, de Charo Piñeiro. Filme de 1989 que foi unha referencia para toda unha xeración de directoras. Anos depois, a directora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda lograría unha Cuncha de Ouro en San Sebastián por O Corno. No OUFF, Camborda recibiu a Calpurnia Xacobeo á Mellor Película e o Premio á Mellor Dirección. Loles León e Jaione Camborda foron as grandes protagonistas da noite nunha gala que contou coa actuación de Burgas Big Bang e algunhas sorpresas, como un adianto do filme Máis Cuñados, da productora galega Portocabo. Dúas presentadoras foron as encargadas de amenizar a noite, Mariana Carballal e Isabel Blanco, baixo a dirección de Ángel de la Cruz.

Nesta Gala de Clausura entregáronse todos os galardóns da Sección Oficial Internacional e Panorama Galicia, esta última foi unha aposta do OUFF por igualar o recoñecemento do audiovisual galego ao internacional dentro do festival. A comedia negra Honeymoon, do galego Enrique Otero, recolleu dos premios. O primeiro, entregado por Xosé Pastoriza foi o Premio do Público, que patenta o éxito do filme das salas, onde o 88% dos espectadores participaron co seu voto. Nathalie Poza, actriz protagonista do filme, alzouse co Premio á Mellor Interpretación da sección Panorama Galicia. Jose Luis Rodríguez, delegado en Ourense de Corporación Hijos de Rivera entregoulle o recoñecemento. O Premio á Mellor Guión foi para Xavier Villaverde, por María Casares: a muller que viviu mil vidas, un galardón que recolleu das mans de Rosana Neira, directora de Zona Ourense Leste de Abanca.

Un dos momentos máis especiais da noite foi a entrega da Calpurnia de Honra, que comezou co visionado dun vídeo homenaxe á traxectoria de Loles León. A actriz recolleu esta Calpurnia das mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.

“Fallen leaves” do finés Aki Kaurismäki, Calpurnia á Mellor Película

Antes de pasar á entrega de premios do palmarés da Sección Oficial Internacional, o director Ángel de la Cruz presentou en exclusiva un pequeno adianto dun documental sobre o Xacobeo e o grupo Burgas Big Band volveu ao palco para interpretar “City of stars”.

No ecuador do evento Jose Luis Fernández, director de Comunicación de Gadis, entregou o Premio Especial do Xurado a La memoria infinita, un documental de Maite Alberdi. En representación da directora, que enviou un vídeo cos agradecementos, recolleu o galardón Sergio Martínez, de Btean, distribuidora en España do filme. Este documental tamén acadou o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección, entregado pola presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte.

O Premio á Mellor Interpretación levouno a actriz Lily Gladstone por Fancy Dance. Na súa representación recolleu a figura Estrella Ariza, voceira do xurado internacional, e entregouna César Fernández, vicepresidente segunfo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, Educación e Deporte. Este filme tamén levou o Premio á Mellor Guión, escrito por Erica Tremblay e Miciana Alise, que recolleu Ines Branco, membro do xurado internacional, e entregou Marcos Villa, director xerente do Centro Comercial Pontevella.

O premio grande da Sección Oficial Internacional, a Calpurnia a Mellor Película foi o que pechou esta entrega de galardóns do 28º OUFF. O xurado decidiu outougarlo a Fallen Leaves, do director finés Aki Kaurismäki. Recolleu o premio Bernardo Loira, da distribuidora en España do filme, Avalon, das mans de Elena Rivo, Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade.

“Mi otro Jon”, unha comedia de enredo benéfica

E a gala non rematou aí, o festival de cinema só podía pechar esta edición coa súa razón de ser, o pracer de desfrutar de grandes películas en Ourense. Por iso os espectadores puideron gozar da estrea de Mi otro Jon, do director Paco Arango, quen subiu ao palco para presentala. Unha comedia de enredo, protagonizada por Carmen Maura, que explora a posibilidade de cambiar de corpo con outra persona cando sufrimos unha dolencia. O filme destinará todos os seus beneficios á Fundación Adalina, dedicada a loita contra o cancro en nenos.

Artigos relacionados

Back to top button