CulturaCulturaÚltima hora

O filme distópico “Nueva Tierra” estréase no OUFF contando con boa parte do seu equipo

Os documentais "María Casares: a muller que viviu mil vidas" e "Manuel Falces. Inventario de Espejos", tamén na competición oficial galega, presentábanse ante o público este martes

 

O OUFF vén de estrear en primicia de Nueva Tierra, unha película distópica dirixida por Mario Pagano. Parte do equipo do filme desprazouse ata Ourense o martes 3 de outubro para vela por primeira vez na pantalla grande. Entre eles, Imanol Arias e Iván Sánchez, actor e productor do filme, presentaron o proxecto nunha rolda de prensa na compañía de Mario Pagano, a actriz Vania Villalón e os directores de produción Daniel Tergazu e María Sánchez. Tamén o director Xabier Villaverde conversou co público do OUFF no Teatro Principal de Ourense sobre María Casares: a muller que viviu mil vidas, documental que tamén compite na sección Panorama Galicia. E xa na noite o director José Manuel Mouriño presentaba nos Cines Pontevella Manuel Falces: Inventario de espejos, xunto ao fillo e á viuva do protagonista deste documental a concurso. O 28º OUFF continua ata o vindeiro domingo 8 de outubro.

Segundo explicou o produtor Iván Sánchez, Nueva Tierra rodouse en Galicia, onde atoparon os diversos escenarios naturais para recrear un mundo futuro no que un virus acabou coa civilización tal e como a coñecemos. “A película comezou e acabou aquí”, declarou Pagano. Nueva Tierra compite na categoría de Panorama Galicia. Imanol Arias lembrou que leva con orgullo o seu título de “ourensán do mundo enteiro” e destacou que participar neste proxecto foi para el unha forma de “saír de Antonio Alcántara”. Posteriormente, o equipo encabezado por Iván Sánchez e Andrea Duro, actores protagonistas, pisou a alfombra azul no Teatro Principal, onde presentaron Nueva Tierra ante o público asistente.

María Casares: Xabier Villaverde segue o fío das súas memorias

“María Casares é unha personaxe tan inabarcable que todas as versións que se fagan sobre ela son complementarias”, declarou Xavier Villaverde, o director do documental María Casares: A muller que viviu mil vidas, un proxecto que se presenta na sección Panorama Galicia e que o público gozou a tarde do martes en compañía de Villaverde. O cineasta homenaxeou á actriz galega no ano no que se celebrou o centenario, en 2022, cun documental que repasa a súa historia. “Non é unha película documental habitual, é cinematográfica, xa que eu veño da ficción. Ademais, a historia está contada pola propia María Casares, xa que se basa nas súas memorias”, explicou o director, que compartiu cos asistentes un coloquio despois da proxección.

Na noite do martes 3 outra peza en competición galega: Manuel Falces: Inventario de espejos, presentouse ante o público do OUFF nas salas dos cines Ponte Vella coa participación do director, José Manuel Mouriño, e o fillo e a viúva do protagonista do documental. Manuel Falces (Almería, 1952-2010) é hoxe recoñecido por moitos como un auténtico emblema do creador poliédrico. Profesor de Fotografía, crítico do diario ElO País entre 1977 e 2009, dedicou practicamente toda a súa vida a unha obra fotográfica única. Entre 1989 e 1992, Manuel Falces ideou e dirixiu o Proxecto Imaxina, xerme do Centro Andaluz da Fotografía (CAF), institución pioneira no ámbito nacional que Falces puxo en marcha en 1992 e que el mesmo dirixiu ata o ano 2006.

Artigos relacionados

Back to top button