CulturaCulturaÚltima hora

A cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo estrea na Rúa o podcast “CHEAS de VIDA”

Será o venres 13 de outubro ás 20 horas no Centro Cultural Avenida

Mural realizado durante os obradoiros “CHEASdeVIDA” no Concello da Rúa para o 25N.

 

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Rural, a cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo lanzará o vindeiro 15 de outubro o primeiro episodio do podcast “CHEAS de VIDA” co que pretende mandar unha mensaxe de esperanza ao mundo a través da voz das mulleres do Camiño de Inverno.

“Queremos que este podcast sexa un lugar de encontro, de crecemento e rexeneración para todas aquelas persoas que cremos nun mundo mellor. Nel escoitaremos voces silenciadas durante moito tempo que, coa coraxe e xenerosidade que caracterizou sempre ás mulleres rurais, abrirán o seu corazón e farannos de guía nestes tempos de incertidume e transformación”, explica Laura Fernández, alma mater do proxecto e co-fundadora xunto coa súa nai de InCrescendo Colectivo.

Ante os graves problemas aos que debe facer fronte a Humanidade, a iniciativa pretende crear un movemento de persoas que, inspiradas pola humildade dos peregrinos que recoñecían os seus límites e optaban por un camiño labrado pola natureza no canto de atravesar os cumios nevados do Cebreiro, están dispostas a tomar un camiño alternativo. “En Valdeorras gústanos ser pioneiros/as”, comenta Laura Fernández. “Vivimos nunha terra fértil que nos dá fama a nivel mundial. Agora, ademais do godello ou a pizarra, queremos que Valdeorras sexa coñecida polo corazón das súas mulleres”.

 

Mª Carmen, Quinta, Eva, Mª José e Elvira, participantes do primeiro obradoiro en Valdeorras (outubro 2020).

 

 

Laura soñaba con ser intérprete de conferencia e poñer o seu grao de area nun entorno multicultural pero, nada máis comezar as prácticas na sede das Nacións Unidas en Xenebra, decatouse de que a voz do seu pobo non estaba alí representada. Acababa de perder o seu avó e comprendeu que se toda a xente nova emigraba, o legado que lle deixaran perderíase para sempre. Así que, con toda a dor do seu corazón, tivo que renunciar a aquel soño que, no fondo, lle pedía repetir discursos alleos a miúdo esnaquizados por unha implacable burocracia.

Na súa ampla experiencia internacional, ela mesma comprobara que o que mundo necesitaba urxentemente era nutrirse das raíces que a ela mesma a mantiveran en pé nos momentos máis duros onde non tiña referentes. Desde esta nova perspectiva, durante catro anos, colaborou co director Ignacio Vilar na difusión da cultura galega na grande pantalla, desde París ata ao Cairo pasando por Donostia ou Nova Iorque.

Parecía que atopara o seu lugar. Ata que un día, traballando na súa primeira coprodución internacional, sentiu que algo non encaixaba. Malia ao éxito profesional, a súa vida persoal estaba completamente olvidada. E que acontecía coa súa nai? Elvira Fernández estudara maxisterio pero, logo de educar un fillo xordo e coidar da súa nai con Alzheimer, sentíase frustrada por non poder seguir a súa vocación. “Eramos dúas caras da mesma moeda. Mulleres que non acababan de atopar o equilibrio entre a vida persoal ou profesional, ao que se sumaba outro problema endémico de Galicia, a emigración”, explica Laura.

A cooperativa semellaba a mellor fórmula para dar resposta a este novo reto e, en 2021, puxéronse mans á obra e lanzáronse a emprender no rural. Por se isto non fora abondo, na era do crecemento persoal, elas apostaron polo crecemento colectivo. De aí o nome da cooperativa. Para esta nai (mestra) e esta filla (coach), crecer non ten idade e o amor é o fío conductor que une as distintas xeracións. “O meu éxito profesional era insignificante se deixaba atrás a miña nai, unha muller valente, que en 2009 se puxo a estudar un master en liña moito antes de que a pandemia puxera de moda esta modalidade de educación a distancia. Agora, en 2023, temos moitas máis ferramentas ao noso alcance para, comezando polo rural, non deixar ninguén atrás”, sinala Laura Fernández.

 

Finalistas da XII edición Premios MOCE convocados pola Fundación Ronsel e a Xunta de Galicia, entre os que están as valdeorresas Laura e Elvira (segunda e terceira pola esquerda). Novembro 2021.

 

O lanzamento deste podcast é a síntese dunha filosofía que levan practicando xuntas máis de dous anos e que lles permitiu experimentar en primeira persoa a importancia de confiar na intiución, de guiarnos polos valores que nos inculcaron os nosos maiores e ser un referente para as novas xeracións. Esta fórmula aparentemente sinxela bebe das últimas tendencias en emprendemento con impacto social, liderado feminino e, por suposto, as propias leis da natureza que, para Laura, “se nos paramos a escoitalas, fan o traballo por nós”.

Tal e como esta soñadora incansable recorda, “a través da unión, o esforzo individual redúcese e o impacto multiplícase”. E predican co exemplo. A comezos deste ano, Julia Menéndez Remy incorporouse á cooperativa para axudarlles a dar unha segunda vida non só ás persoas senón tamén aos recursos que a día de hoxe se tiran ao lixo na comarca.

 

 

Desde telas, escuma de almofadas, ata cadeiras ou papel de decoración, as mulleres que participan nos obradoiros “CHEAS de VIDA” despregan a súa creatividade para dar forma a un futuro no que as nais crecen a calquera idade e os fillos/as non teñen que conformarse coa emigración.

“Paréceme unha experiencia moi bonita, que nos poidan oír desde distintos sitios. Alemania, París, Madrid… se nós podemos aportarlles algo, igual tamén se van animar e aportarnos algo a nós”, comenta Amparo unha das participantes dos obradoiros no concello de Larouco onde se “confeccionou” esta iniciativa. “Aquí non estou soa”, comenta Mª Luz, outra das participantes no concello da Rúa.

 

Claudina, Lucía, Marité, Fina, Covadonga, Montse e Carmela no obradoiro en Seadur. Setembro 2023.

 

Efectivamente, o principal obxectivo do podcast é falar cunha soa voz, a do corazón, e acompañar a todas esas persoas que se senten soas, tanto no mundo rural coma urbano, e, desde aí, comezar a rexenerar as familias, as escolas e as empresas.

Por iso, o vindeiro 13 de outubro, a estrea do podcast realizarase nunha sala de cine, a escuras, onde as persoas -guidadas polas palabras das propias mulleres rurais invisibilizadas- volveranse sentir protagonistas da súa vida e prantarán a semente deste movemento na terra máis fértil do universo, a vida. Será no Centro Cultural Avenida da Rúa ás 20 horas.

Artigos relacionados

Back to top button