EconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Ningunha das empresas do Clúster da Pizarra de Galicia mantén activo un ERTE

O sector mantén cifras de emprego similares ao 2019, segundo esta entidade empresarial

Palés de lousa destinados á exportación./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Actualmente, ningunha das empresas de pizarra integradas no Clúster da Pizarra de Galicia “mantén activo o ERTE, o que significa que se está a traballar practicamente con normalidade tendo en conta as novas medidas de distanciamento social e preventivas recomendadas polas autoridades sanitarias” ante o Covid. Así o vén de destacar a través dun comunicado o Clúster da Pizarra de Galicia.

Este organismo sectorial indica que, tras a crise do coronavirus, “que obrigou a pechar canteiras e a deter a produción e comercialización da lousa galega durante algunhas semanas, o sector foise reactivando pouco a pouco sen que isto supuxera perda de postos de traballo”.

Nese senso, o Clúster incide en que as cifras de emprego neste eido de actividade sitúanse en “aproximadamente 2.400, un dato idéntico ao que se rexistraba ao finalizar 2019 e antes do inicio da pandemia”.

Esta organización empresarial manifesta así mesmo neste comunicado a súa defensa da seguridade dos traballadores durante a pandemia. “Tras o parón do confinamento, volveuse traballar adoptando unha serie de medidas tales como a dotación de mascarillas e equipos de protección individual aos traballadores, a redución de aforo e desinfección nos vehículos de transporte de persoal ás canteiras ou a procura dun maior distanciamento entre postos de traballo e nos comedores”.

Artigos relacionados

Back to top button