Eleccións Xerais 2023EntrevistasÚltima hora

Noa Presas: “Realmente somos a única alternativa que está poñendo a Ourense e a Valdeorras enriba da mesa”

A cabeza de lista ao Congreso por Ourense do BNG aborda nesta entrevista o programa e medidas que defende esta formación no relativo á provincia

A candidata ao Congreso do BNG por Ourense, Noa Presas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O voto ao BNG nestes comicios electorais é “vale dobre”, asegura a súa cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Ourense, Noa Presas. “O voto ao BNG servirá para defender os intereses da comarca de Valdeorras, para introducilos na axenda política e solucionar as carencias e deficiencias –sobre todo no déficit de infraestruturas- que o bipartidismo clásico provocou, mais tamén serve para parar a dereita e blindar os servizos públicos”, tal e como sinalaba a pasada fin de semana na visita que facía á comarca xunto ao candidato nacionalista ao Senado pola provincia, candidato ao Senado, Xosé Carballido Presas.

Mañá mércores, Presas participará, no marco da campaña electoral do 23 de xullo, nun acto público previsto ás 20h. no salón de actos do edificio multiusos do Barco, xunto á alcaldesa da Rúa, María G. Albert, e ao concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez.

– Non é a súa primeira campaña electoral para as eleccións xerais…

Non é a primeira, mais son consciente de que é a primeira na que temos unha oportunidade real de que o BNG faga historia e de que por primeira vez teñamos unha deputada nacionalista para defender os intereses de Valdeorras e de Ourense en Madrid, non o que estiveron facendo os deputados e deputadas que levan máis de vinte anos escollidos por Ourense e que non souberon poñer a nosa axenda para condicionar a política estatal.

 

 

– A parte disto, ¿por que é importante esta campaña con respecto a doutras eleccións xerais anteriores?

Neste contexto estamos vendo que queren que sexan as eleccións do medo ou do mal menor, e nós apostamos por convertelas nas eleccións de Galiza, nas que por fin o noso país teña un grupo galego forte que represente os seus intereses e que deixe de ser Galiza a que sempre sofre a gran discriminación do Estado, e moi especialmente o interior, porque hai que recoñecer que o oriente do país é o que máis sofre esas discriminacións. Vémolo moi ben en Valdeorras, coa A-76, coa N-120 que conecta con Ourense ou tamén con outras cuestións de agravio histórico como a falta de apoio para os ríos, para o saneamento con ese modelo irracional de que dependan de Madrid.

Polo tanto, é o momento de Galiza e de que unha representación nacionalista ourensá poña esta parte do país para condicionar a política do Estado nun momento no que, ademais, sabemos que non vai haber maiorías absolutas.

 

 

– ¿Que aspectos destacaría do programa do BNG con respecto á provincia de Ourense ou ao interior de Galicia?

Creo que hai dous ámbitos moi importantes, por unha banda, o de corrixir os agravios históricos en materia de infraestruturas, fundamentalmente no transporte por estrada, pero tamén no relativo ao ferrocarril para recuperar liñas de contacto tanto con Ourense como co resto do Estado, recuperar o tren nocturno e apostar por modernizar o tren nesta parte do país.

E, por outra banda, todo o que ten que ver co impulso do medio rural e tamén co impulso da xustiza social, porque non podemos admitir que Ourense siga tendo as pensións máis baixas do Estado, hai que incrementar as pensións mínimas e hai que apostar tamén por que o Estado cumpra a súa parte coa atención á dependencia, débennos máis de 200 millóns de euros porque nin o PP nin o PSOE poñen aos seus deputados para condicionar as políticas do Estado. Desde o BNG faremos o contratario para facer valer Galiza e facer valer Valdeorras.

– O BNG leva tempo defendendo unha tarifa eléctrica galega, iso tamén se vai reivindicar en Madrid?

Si, é unha competencia estatal e unha anomalía democrática, non pode ser que Galiza, e especialmente a provincia de Ourense, sendo unha gran produtora, renovable ademais, exporte unha parte da electricidade que producimos para o resto do Estado, que as eléctricas se enchan os seus petos de millóns de euros e que realmente aquí non quede nada en beneficios directos pese a termos o impacto medioambiental. Polo tanto, nós, que non empregamos os nosos postos de representación pública para despois ir pola porta de atrás, con portas xiratorias como si fan os presidentes de PP e de PSOE, o que imos facer é condicionar que haxa unha tarifa eléctrica galega e tamén que se respecte este país, porque ademais o gran dano que se fixo cunha hidráulica mal planificada agora quere repetirse cun modelo eólico que é absolutamente invasor e que non está respectando os espazos naturais.

Vémolo aquí en Valdeorras coa zona da Enciña da Lastra e co Teixadal de Casaio perigando, vémolo co Courel que está moi preto, e dende logo que o que dicimos é: renovables si, pero con planificación e que obedezan aos intereses de Valdeorras e do país.

 

Xosé Carballido, candidato ao Senado, con Noa Presas, nos Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco).

 

– ¿ Como está enfocando o BNG esta campaña?

Con moita intesidade e deixándonos a pel porque vemos que hai un interese nesta campaña electoral por que non se fale nin de Ourense, nin de Galiza, parece que isto só se xoga na televisión entre un presidente malo e un presidente peor, e nós queremos poñer os nosos problemas enriba da mesa,  realmente somos a única alternativa que está poñendo Ourense e Valdeorras enriba da mesa.

– A nivel persoal, ¿que supón para vostede encabezar esta lista ao Congreso pola provincia e cales son as súas expectativas?

Supón un reto e un orgullo e creo que todo o que aprendín nestes anos no Parlamento galego pódoo poñer ao servizo de Ourense e de Valdeorras no Congreso dos deputados, coñecendo moi ben o territorio e cales deben ser as nosas prioridades. Polo tanto, voume deixar a pel nesta campaña electoral para poder facer historia e facer posible ter unha deputada ourensá. Sería para min un orgullo.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button