ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Noite de fachós e lume en Castro Caldelas para escorrentar a pandemia

A vila recuperaba este ancestral ritual pero coa única participación da veciñanza

 

Entre lusco e fusco, como manda a tradición, Castro Caldelas recuperaba neste 19 de xaneiro a Festa dos Fachós, tras o obrigado parón do pasado ano. Cumprindo todas as medidas de seguridade, e coa única participación da veciñanza, unha procesión de lume saía dende o adro da  da igrexa dos Remedios. Alí procedíase a prender lume a un longo gran fachón duns 35 metros, no que tamén se representba a figura de San Sebastián.

 

 

Ademais, medio cento de caldelaos, tras inscribirse previamente no Concello, portaban o seu fachón individual, sumándose así a unha procesión percorría o casco antigo da vila e remataba novamente no adro da igrexa, mentres as campás da igrexa non deixaban de tocar. Alí facíase unha fogueira na que remataban o gran fachón e tamén os invididuais portados polos veciños. Con esta procesión, a veciñanza encomendábase a San Sebastián para pedirlle o cese desta pandemia.

 

 

 

Para velar pola seguridade no desenvolvemento desta celebración, organizada polo Concello e a veciñanza de Castro Caldelas, contábase coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil, do GES así como coa da Garda Civil.

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, confía en que no 2023 os Fachós volvan alumear Castro Caldelas para a veciñanza e tamén para os visitantes. “Os Fachós supoñen un gran traballo de moitos caldelaos que sementan, segan, acarrexan, mallan e fan os Fachós, e logo saen en procesión culminando unha noite máxica”, lembra.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button