En portadaÚltima hora

Normalízase a situación na presa de Valencia do Sil trala rotura dunha das comportas

 

Tralo incidente acaecido onte na presa de Santiago en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) xestionada por Iberdrola, a situación estase a normalizar.

Os feitos sucedían en torno ás 20:30 horas, cando unha das 5 comportas da presa sufría unha rotura por causas que se están evaluando. Tal como explican dende Iberdrola, a situación provocada polo fallo da comporta quedou controlada en poucas horas. “O equipo técnico actuou rapidamente para instalar unha estrutura metálica xa existente deseñada para pechar o van, o que permitiu conter a auga e evitar que se seguise aliviando do encoro”, explican, engadindo que tras unha inspección á estrutura da presa,  comprobaron que se atopa en perfecto estado.

 

A comporta rota apareceu a 3 quilómetros./ Foto cedida.

 

Augas abaixo, foi o encoro de San Martiño, no concello da Rúa, quen recolleu sen danos o volume de auga vertida. “O seu nivel aumentou en só uns centímetros, sendo o efecto moi inferior ao dunha pequena avenida, pois ademais o leito non se chegou a desbordar en ningún momento”, puntualizan, asegurando non houbo que lamentar danos persoais nin materiais “non se produciron afeccións a resaltar”.

A comporta rota foi parar a 3 quilómetros de distancia da presa debido a que o seu deseño fai que teñan unha cámara de aire no medio e facilita a súa flotabilidade, tal como aseguran dende a empresa, adiantando que en cando sexa posible e en coordinación coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil procederase á súa retirada.

Como é lóxico o feito provocaba un cambio na paisaxe bañada polo río Sil, que presentaba unha  imaxe insólita tal como pode verse na galería de imaxes, sendo durante toda a mañá deste mércores 23 de febreiro, foco de atracción de numerosos veciños dos pobos colindantes que se achegaban a curiosear.

Fotos: Mónica G Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button