Os valdeorreses volvían concentrarse nesta tarde de 3 de xuño para expresar o seu apoio ao pobo palestino nun acto celebrado ás 20h. na praza do Concello do Barco. Alí pedían o cese “do xenocidio” e tamén sancións claras e boicots contra Israel.
Despois procedíase á lectura dun manifesto, que corría a cargo da docente Iris Grey. “Xa o dixemos outras veces e repetímolo:a mobilización dá resultados. As manifestacións populares que se suceden desde hai case 8 meses en todo o mundo, incluídas estas ás que hoxe acudimos en 32 cidades e vilas da Galiza, están a erosionar a lóxica imperialista que sustenta a impunidade do sionismo e a perpetuación do seu proxecto necolonial e terras dos pobos árabes”, comezaba o manifesto, que tamén destacaba que “os pobos do mundo estamos coa Palestina e coa súa Resistencia”.
Ademais anunciábanse que se continuará co calendario de mobilizacións o vindeiro 17 de xuño. “Por iso, para quen nos pregunte que facemos aquí, despois de 240 días de masacre e mobilizacións, respondemos que a nosa tarefa principal, por riba de calquera outra,é lembrar unha e outra vez,en toda a parte ,o noso compromiso coa causa da Palestina, coa súa loita pola liberdade e pola paz, sostendo a mobilización o tempo necesario”.
O Barco era unha das 32 localidades galegas onde se realizaba unha concentración deste tipo, convocadas polo colectivo Galiza con Palestina. Tamén celebraban actos en Manzaneda, Verín, Ribadavia, O Carballiño e Ourense.