
O Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) do Barco dispón dende o 8 de setembro dunha nova consulta para a especialidade de Neuroloxía, que está habilitada xunto á sala de espera de radioloxía. “Esta medida procura facilitar o acceso e orientación dos pacientes, que acudirán así sempre o mesmo espazo tódolos días de consulta, que se vén realizando os martes, xoves e venres en horario de mañá”, segundo se informa dende o Sergas.
A neuroloxía forma parte da carteira de servizos do HCV desde o ano 2012 e dende ese momento ata xullo do 2014 lévanse realizado xa preto de 4.000 consultas. “O número de consultas vén aumentando progresivamente, especialmente tendo en conta que, tan só nos sete primeiros meses deste ano, xa se levan realizado un 28% mais que en todo 2012, estando previsto que se cuadrupliquen a finais ano o número de consultas de sucesivas, ou revisións, asumindo así tamén desde o centro os controis periódicos dos pacientes”, explican dende o Sergas.