A GudiñaA RúaConcellosViana do Bolo

Novas rozas e limpezas en estradas de Valdeorras e Trives, entre outras da provincia

Estes traballos comezan na próxima semana na OU-536, ao seu paso polos concellos de Ourense, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas e A Pobra de Trives; na OU-636, na Pobra de Trives e Larouco; e na OU-637, en Larouco e Petín

 

 

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en catro estradas autonómicas, tres na provincia de Ourense e nunha da de Lugo. Ao tempo continuará coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, comezarán os traballos na estrada OU-536, ao seu paso polos concellos de Ourense, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas e A Pobra de Trives. Tamén se iniciarán na OU-636, na Pobra de Trives e Larouco; e na OU-637, nos municipios de Larouco e Petín. Na provincia, proseguirán ademais as tarefas na estrada OU-533, nas localidades da Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa.

Na provincia de Lugo, están programados o inicio dos traballos de roza na vía de altas prestacións CG-2.2: Lugo-Monforte, ao seu paso por Lugo e O Corgo.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, continuarán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, en Ares e Mugardos. Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán tamén os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións na CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na V.G.- 4.4, en Marín.

“As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario”, segundo informa a consellería.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas. As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Artigos relacionados

Back to top button