En portadaÚltima hora

Novas soltas de Torymus na provincia para frear o avance da avespiña do castiñeiro

A conselleira do Medio Rural asistía en Oímbra nesta mañá á solta de exemplares deste depredador natural desta praga de insectos

A Consellería do Medio Rural ten previsto intensificar neste ano a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), cuxa presenza estase a notar cada vez máis nos soutos da Galicia interior. A intención da Administración galega é liberar uns 790.000 individuos de Torymus sinensis, un depredador natural da avespiña xa que parasita as súas postas. O anuncio vén de facelo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na visita que realizaba na mañá do 21 de maio ao concello ourensán de Oímbra, na que se procedeu á solta de Torymus.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, lembrou que dende 2015 a Xunta soltou máis de 200.000 individuos de Torymus sinensis para facer fronte a avespiña, cun incremento sostido destas accións, trala preceptiva autorización por parte do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama).

Ante as demandas do sector galego da castaña e tras detectar os primeiros positivos da doenza no 2014, en Galicia procedíase á solta experimental e controlada de 1.500 individuos en 2015. Ao ano seguinte xa se liberaron 65.500 exemplares e, visto o avance da doenza, solicitouse un incremento das zonas de solta e dos individuos liberados, chegando ata os 133.000 en 2017.

Medio Rural está a realizar “un seguimento semanal dos máis de 9.000 puntos previstos e autorizados de solta, para realizar a liberación do parasitoide no momento máis axeitado, procurando as maiores posibilidades de éxito posible, xa que para facer estas operacións hai unha fiestra temporal reducida, que depende tamén do estado dos soutos”, segundo se indica dende a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button